Opinión

A gran mentira de Mr. Tucker

Os comicios americanos están cheos de historias delirantes. As eleccións non están amañadas como dicía Donald Trump, son simplemente un desastre de principio a fin. Estas foron sen ningunha dúbida as eleccións que perderon os medios de comunicación convencionais e foron as eleccións que gañaron Facebook e Twitter. Mellor dito, Facebook e Twitter axudaron a difundir unha batería de mentiras que os medios tradicionais non foron quen de combater. Novas como a de que o papa apoiaba a Trump, ou que o consello dos Amish se reunira e decidira apoiar tamén ao republicano, correron coma a pólvora por Facebook, e ante a falta de contraste do usuario, eran tomadas coma dogma de fe, nunca mellor dito. O cómico Paul Honer di que Trump está na Casa Branca gracias a el. Honer é o autor dalgunha desas novas delirantes como a dos Amish, que foi rebotada millóns de veces, incluso polo equipo de campaña de Trump. A deriva que tomou este fenómeno nas eleccións foi tal que Facebook e Twitter están plantexando elaborar un filtro que detecte novas falsas. Terreo extremadamente delicado para a liberdade de expresión.

E aí entra a nosa historia. Xa se coñecía, pero esta semana Sapna Maheshwari no New York Times, encargouse de diseccionar o caso con máxima precisión. Estamos no mércores 9 de novembro, o día despois das eleccións. Medio país en estado shock. Outras novas falsas xa crearan o clima propicio de conspiración que dicía que as espontáneas manifestacións contra Trump por todo o país estaban pagadas por Hillary Clinton. Nese ambiente chega o noso “heroe”. Eric Tucker, texano el. Paseando por Austin ese día Eric viu unha inusual caravana de autobuses aparcados na súa zona. Ese mércores en Austin, a capital do estado, milleiros de persoas manifestábanse contra Trump, e o anxiño atou cabos. Manifestantes anti-Trump, máis buses na cidade, igual a falsos protestantes pagados traídos en autobuses. A Eric pareceulle unha dedución brillante. Sacoulle unha foto aos autobuses e colgou este chío: “Os protestantes anti-Trump hoxe non son tan naturais como parece. Aquí están os buses nos que viñeron #protestantesfalsos #Trump2016 #austin”. E quedou tan ancho.

Eric tiña nese momento 40 seguidores en Twitter, é dicir, nada. Pero o seu tweet foi compartido 16.000 veces, e en Facebook máis de 350.000. Entre eles influintes seguidores de Trump que saudaron a ocorrencia de Eric desta forma: “Última hora: Atoparon os autobuses! Ducias aparcados a unhas poucas mazás dos manifestantes de Austin”. Eric xa era viral. Para seguir co delirio, entre os centos de comentarios que suscitou o chío había quen afirmaba categoricamente que tralos falsos manifestantes estaba a man do gurú das finanzas George Soros. Alucinante. Non tardou en saltar de Twitter a Facebook a través de páxinas afíns a Trump, e aí xa veu o tsunami que nin a verdade puido parar.

O día dez á cadena Fox ocorréuselle chamar ao abraiado propietario dos autobuses, Coach USA, que estaba ao outro lado do país, en New Jersey. O señor Sean Hughes dixo que baixo ningún concepto os seus autobuses tiñan nada que ver cos protestantes de Texas. Foi peor o remedio que a enfermidade. Foi peor a verdade que a mentira. Os seguidores de Trump pensaron que mentía e a bola aínda se fixo máis grande. A “nova” xa chegara nese intre a toda a esfera republicana e ao círculo próximo do presidente electo…e, por suposto, pasou o que tiña que pasar. As nove da noite do 11 de novembro Trump publicaba no seu twitter: “Acabamos de ter unha aberta e exitosa elección presidencial. Agora protestantes profesionais, incitados polo medios, están protestando. Moi inxusto”. Pechábase o círculo, a mentira xa era unha verdade presidencial. Tucker, cando lle preguntaron por que non confirmara os datos antes de colgar o chío, dixo: “Son un home de negocios, non teño tempo para contrastar todo”. Iso mesmo dixo Trump en campaña sobre os seus chíos abertamente falsos. Logo de que a realidade saíra á luz, Tucker admitiu que tiña “errado de plano”, borrou o tweet, puxo un enlace a un blog onde se explicaba todo e incluso confesou que el votara a Gary Johnson. A rectificación de Tucker apenas tivo 29 retwets e 27 gústame. Nada. A mentira vende, a verdade moito menos.

Por certo, os autobuses estaban aí porque a compañía de software Tableu estaba a facer unha convención e desprazou 13.000 persoas á cidade. Cunha chamada a compañía de autobuses todo quedaría solucionado. A publicidade que acadou Eric Tucker con este tweet fixo que acabe de asinar un contrato multimillonario cunha das empresas que xestiona Trump e que os demócratas rescindiran todos os seus contratos con Coach USA. Estas dúas últimas afirmacións son mentira. Ou non?

Te puede interesar