Opinión

As novas regras do xogo

Propoño un xogo. A ver se adiviñan quen dixo isto. Dou unha pista…os dous foron presidentes dos Estados Unidos e ambos textos son respostas á seguinte pregunta: “Creen que os fillos de inmigrantes ilegais no Estado de Texas deberían ser escolarizados gratis ao igual que os nenos americanos?” Imos aló. 

A primeira: “Por qué no canto de falar de levantar un balado non traballamos no recoñecemento dos nosos problemas comúns, e conseguimos que poidan vir (os mexicanos) de forma legal con permiso de traballo para que paguen impostos aquí?”

A segunda: “A pregunta é de máis calado ca iso, pero unha vez que xa están aquí, deben ser tratados cos mesmos dereitos que os seus veciños (…) Eu non quero ver nenos de 6 anos sen escolarizar e deixalos fóra da lei. Son boa xente, xente forte, parte da miña familia é mexicana”.
Con todo o que levan escoitado esta campaña…onde sitúan o discurso? Máis cerca dos republicanos de Trump ou dos demócratas de Hillary? Veña resolvamos. Van levar unha sorpresa. A primeira resposta é de Ronald Reagan, o faro no que se miran, ou mellor dito, usan Trump e os seus seguidores. E o segundo e George Bush pai. Si, polo que se ve ao seu desastroso fillo non lle explicou que tiñan familia mexicana, porque logo de meter ao seu país nunha guerra ilegal (coa complicidade do señor Blair e Aznar) George Bush fillo, comezou en 2007 a construír o muro que xa existe agora na fronteira de México.

Estas respostas datan das primarias republicanas de 1980 que enfrontaron a Ronald Reagan con Bush pai, e que acabou gañando Reagan. Bush sucedeuno en 1989. Se as declaracións son cando menos chocantes tampouco convén facerse trampas ao solitario. Falamos de 1980, onde o problema migratorio era moito menor ca hoxe. Falarían en todo caso Bush e Reagan hoxe dos inmigrantes como fala Trump? A resposta segue a ser, non. Non fala así nin o outro fillo de Bush, Jeb, que se presentou a estas eleccións…o de Trump é outra cousa. Xoga fóra dos límites.
Volvemos ao presente. Estados Unidos está ao borde dun abismo que pode arrastrar ao resto do mundo detrás. As enquisas dan agora mesmo a Trump igualado ou por diante de Clinton en canto a intención de voto, se ben, tamén é certo, que as enquisas erraron de forma estrepitosa ao inicio desta campaña.

O Congreso Republicano de Cleveland foi quente. Ted Cruz, rival ata o último momento de Trump, dixo publicamente que non ía apoiar a Trump. O magnate soportou coa súa pétrea faciana as protestas de varias delegacións e viu como súa muller, Melania, plaxiaba sen rubor o discurso de Michelle Obama de 2008…incrible pero certo.  Imaxinen que a muller de Rajoy da un discurso para apoiar ao seu marido e plaxia un que dera a muller de Zapatero hai 8 anos con puntos e comas. Pois iso foi o que sucedeu. 

Con este panorama parecía que a Convención Demócrata ía ser máis tranquila pero unha filtración de emails fixo que a tensa calma voara polos aires. Como saberán, eses correos electrónicos publicados por Wikileaks, probaban que a dirección do partido estaba claramente a favor de Hillary e que torpedearon o que puideron a Bernie Sanders, o cal formou un gran escándalo. Persoalmente, e logo de que máis de 500 superdelegados apoiaran sen fisuras a Clinton desde o principio, a min o que me sorprendería sería que os emails da cúpula do partido apoiaran a Sanders, todo o demais entra dentro da obviedade máis absoluta, aínda que entendo que non está bonito.
Falando de emails, Donald Trump dando un paso máis nos límites do político e posiblemente do legal, animou a Rusia a espiar os correos dos demócratas na busca de máis probas contra Hillary Clinton. É dicir, Trump non só autoriza, senón que pide, que se execute espionaxe internacional contra seu país para gañar as eleccións. A Paul Ryan, o voceiro no Congreso dos republicanos, case lle da un infarto cando escoitou ao seu líder, e se apresurou a dicir que Rusia tiña que quedar ao marxe destas eleccións. Mentres, nas filas demócratas viven nun permanente estado de “era o que me faltaba por oír”, pero a realidade a día de hoxe é que a batalla está moito máis igualada do que calquera lóxica podería supor.

A Convención Demócrata arrancou con lea dos seguidores de Sanders, e todo foi calmando cando apareceu Obama… Michelle Obama. A primeira dama podería ser presidenta dos EUA se ela quixera (retoricamente está a altura do marido sen ningunha dúbida)… e logo apareceu Barack. 
Obama é agora mesmo o político mellor valorado dos Estados Unidos cunha aceptación por riba do 50%. Máis que Hillary e máis que Trump. En xullo de 2004, na convención demócrata que upou a John Kerry á candidatura, Obama pronunciou o discurso que o presentou ante a Historia. Foron 17 minutos, 2.297 palabras e o mundo viu o nacemento dunha estrela. Agora 12 anos despois, nesta Convención estaba ante o seu último discurso como presidente ante os seus, e fixo o que tiña que facer…sumar. Apoiou a Clinton sen esquecerse de Sanders. Obama agora mesmo é o maior activo que teñen os demócratas para gañar estas eleccións. Se hai dous anos perdía o control de Congreso e Senado nos comicios de medio termo, agora, ante as opcións que se lle presentan aos americanos, Hillary ou Trump, Obama volve ser o desexado. Outros virán…Remataron as convencións e agora  (si,agora)  logo dun ano de falar disto comeza oficialmente a campaña. Está en xogo moito máis que a presidencia dun país, e o único que se pode dicir, visto o visto é que… esperen o inesperado.

PD: Falando de eleccións. Propoño que os nosos congresistas non cobren un céntimo dos seus salarios (con carácter retroactivo ao día 20 de decembro de 2015) ata que os españois non teñamos Goberno e destinar os cartos a fins sociais. Propoño tamén a dimisión inmediata de todos os líderes das forzas políticas con posibilidade de formar Goberno se levan ao país a unhas terceiras eleccións. As regras aquí tamén teñen que cambiar.

Te puede interesar