Opinión

O novo heroe americano

Esta fin de semana pasada naceu unha estrela. Outra máis. Con todos vostedes: Steven Miller. Steven Miller é o conselleiro senior en Asuntos Políticos da Administración Trump. Conselleiro senior e ten 31 anos o anxiño. Está claro que non lle deu tempo a ler tódolos libros que debería ter lido para estar aí, empezando pola súa propia Constitución. O amigo Miller, desde a Casa Branca, co escudo e a bandeira detrás dixo o seguinte a raíz do bloqueo por parte da xustiza do veto migratorio, agárrense á cadeira: “Temos unha xustiza que ten demasiado poder e se converteu en moitos casos na primeira rama do goberno. Os nosos opoñentes, os medios e o mundo enteiro verán pronto -a medida que executemos máis accións- que os poderes do presidente son sólidos e non serán cuestionados”. Steven Miller, asesor do presidente.

Ese é o escenario. Non se enganen. “O poder do presidente non será cuestionado!” Frase para a historia. Se unha decisión xudicial non lle gusta entón é que a xustiza equivócase. O veto migratorio foi rexeitado de urxencia -por sospeita de inconstitucionalidade- por unha xuíza en Manhattan, pola ex-fiscal xeral, por un xuíz federal de Seattle, e por unanimidade polos tres xuíces da Corte de Apelación, entre eles un conservador. Trump dixo que levará o caso ao Supremo pero hai dúbidas de que o faga, porque vai perder.

Este é o discurso. Por aquí se empeza. Non recoñecer a división de poderes e que o poder absoluto resida no executivo por riba do xudicial ou do lexislativo. Este é o estado de tolemia que creou a Administración Trump nun mes. Inventan datos, masacres, ataques internacionais, inventan toda clase de barbaridades. Hai pouco Trump dicía que toda Europa estaba sendo arrasada a diario por terroristas islámicos: “Hai tantos ataques que os deshonestos medios xa nin os cobren”, palabra de Trump. Iso de crerse o centro do mundo estase a volver contra o propio país. A moitos americanos nunca lles interesou o que pasa fóra das súas fronteiras e agora tampouco se molestan en contrastalo, co que viven nunha perigosa farsa.

Miller sae da Universidade de Duke de onde sae tamén o seu compañeiro de fazañas, Richard Spencer, neonazi líder do National Policy Institute. O NPI é un “think tank” que xunto con Steve Bannon -asesor de estratexia de Trump- acuñaron o termo da “Alt-right” (Dereita Alternativa) que en realidade é extrema-dereita supremacista branca. Poden non crer todo isto que lles estou contando. Ben. Poñan en Youtube: “Richard Spencer-Ronald Reagan-Speech”. Corresponde ao discurso do NPI trala vitoria de Trump. Aí, amais de usar expresións en alemán ou falar do “Trunfo da Vontade” en referencia á película nazi, remata con: “Hail Trump, Hail our people, Hail Victory”, e con membros do público respondendo “Hail” mentres facían o saúdo nazi. Tamén lles convido a que vexan as “mellores xogadas” de Miller, está todo na rede. Só teñen que buscalo. Esta xente, xunto con Alex Johns, a cara visible de Infowars, -outro supremacista branco absolutamente desquiciado e que é o xornalista de cabeceira de Trump- son os conselleiros da nova administración americana. Non é unha forma de falar. Os dous “Steves” -Bannon e Miller- son os ideólogos da Orde Executiva do veto migratorio, esa que legalmente non se sostiña por ningún lado. Estados Unidos está en mans de xente con ideoloxía fascista na forma máis europea da expresión. Séntense herdeiros da “pureza” branca que chegou a este continente. Pouca broma.

E mentres todo isto pasa diante das nosas narices, dimite o asesor de Defensa, o xeneral Michael Flynn tras 23 días no cargo -todo un record- por manter conversas non autorizadas con Rusia e por mentir logo sobre elas. Realmente non foi por iso. Flynn “dimitiu” o luns día 13. Trump e o seu equipo xa sabían hai máis dun mes desas conversas. Se mentir fora o motivo o despido debería ter sido fulminante xa daquela. A Flynn despedírono porque, como advertía o FBI, era agora mesmo un suxeito vulnerable para ser extorsionado por Rusia. Así estamos. Non perdan este fío de Rusia porque pode ser o principio da fin deste goberno.

Por certo, unha boa nova para os amantes das armas, desde agora as persoas con transtornos mentais xa poden volver mercar armas libremente neste país. Era unha das pequenas prohibicións que Obama conseguira aprobar e acaba de ser revocada polos republicanos no Senado. O perigo neste país non vén de fóra como queren facer crer, o perigo son eles. Make America Great Again.

Te puede interesar