Opinión

Pés secos, pés mollados

Mentres o mundo miraba como Obama lle colgaba a Joe Biden do pescozo a Medalla da Liberdade, Jose Antonio Baptista Silva cruzaba a ponte internacional de Laredo desde México ata Texas. Foi o último “pés secos” cubano.

Seguro que teñen na mente as imaxes dos balseiros chegando ás costas de Miami. Cando non tiñan a sorte de desembarcar nunha praia sen vixilancia, a policía estadounidense esperábaos na area e aí comezaba o xogo do gato e o rato. Se a policía interceptaba ao balseiro na auga -aínda que lle chegara a altura dos nocellos- sería deportado (pés mollados). Se conseguía driblar aos axentes e alcanzar a area (pés secos) podería acollerse á Lei de Axuste e quedar nos Estados Unidos.

Jose Antonio Baptista Silva foi o último en entrar e non o fixo por mar. Milleiros de cubanos venderon todo o que tiñan nos últimos anos para chegar a Estados Unidos por terra (pes secos) vía Venezuela e Panamá para logo voar a México, e desde aí cruzar por pontes como a de Laredo. Ata para fuxir da illa hai clases! Quen non pode pagar arrisca a vida nunha balsa, e quen pode aforrar algo busca un traxecto máis seguro. 

Isto rematou esta semana e acaba de deixar no limbo a milleiros de inmigrantes. Estados Unidos non avisou de que ía cambiar a lei e agora milleiros de persoas están varadas nos países de tránsito sen poder chegar a súa terra prometida. Só lles queda emprender o camiño de volta ou quedar como ilegais neses países. A Administración Obama non comunicou a derrogación porque iso podería provocar un efecto chamada, e alude ás novas relacións ca illa para xustificar a medida. O razoamento é: se Cuba agora é un país “normal” co que tratar, non pode haber excepcións “anormais” para os seus cidadáns. O problema é que Cuba segue sen ser un país “normal”, porque dos países normais a xente non fuxe en balsas xogándose a vida en pleno 2017.

A Lei de Axuste nace baixo a Administración Clinton en 1995 logo da crise dos balseiros do 94. Foi a resposta americana á negativa de Cuba de acoller aos inmigrantes que Estados Unidos quería deportar. Washington e a Habana acordaron que se eran interceptados no mar Cuba tería que aceptalos de novo, e se chegaban a terra, EE.UU se faría cargo deles. Isto quere dicir que os cubanos que tocaran chan estadounidense poderían quedar legalmente no país, conseguir a residencia permanente e todos os seus beneficios logo dun ano. Esta lei non existía -obviamente- para os cidadáns de ningún outro país. Estados Unidos presionaba así tamén ao réxime dos Castro. Acollendo aos cubanos exiliados probaba que había milleiros de persoas que querían saír da illa e esa imaxe prexudicaría ao réxime. Outra das excepcións que fixeron -e que agora tamén se cortou- foi o Programa para Profesionais Médicos Cubanos. Atraían aos médicos ben formados que querían escapar para integralos no sistema de saúde americano. Non dan puntada sen fío. Agora o Departamento de Seguridade Nacional di que xa que EE.UU e Cuba están a traballar xuntos non ten sentido manter esa excepción.

O número de cubanos que se beneficiaron desta lei duplicouse en tan só dous anos, entre outras cousas, por medo. No 2014 Obama perdeu as eleccións de Medio Termo co que deixaba Senado e Congreso baixo control republicano. Ante a deriva que tomaban os conservadores co Tea Party gañando posicións a fin desta lei parecía preto se chegaban ao poder en 2016. De 23.700 persoas en 2014  pasamos a 54.000 en 2016. O que non esperaban os emigrantes é que a oito días para o nomeamento oficial de Trump fora a Administración Obama quen pechara esa porta. Non é moi explicable por qué Obama lle fai este “favor” a Trump, máxime cando dixo que a política migratoria non estaba sobre a mesa de negociación da apertura cara a Cuba.

Os cubanos de Miami critican a fin da Lei de Axuste e aseguran que os inmigrantes seguirán chegando igual mentres non cambie a situación na illa. Tamén hai quen di que agora que, ao non poder saír “facilmente” da illa, os disidentes do Réxime terán que quedar e formar unha oposición sólida desde dentro o que propiciará cambios desde dentro. Na man dos cubanos xa non está que non haxa máis “pés secos”, iso xa rematou. Co que si poden acabar é cos “pés mollados” na medida que sexan capaces de construír o seu destino.

Te puede interesar