Opinión

Pescando a Trump: a tormenta perfecta

Como é posible que de 320 millóns de persoas teñamos que elixir entre Clinton e Trump?” Esta é unha das preguntas máis repetidas dos últimos meses polos americanos. Son os candidatos peor valorados da historia, os dous cun índice de rexeitamento popular por riba do 50%.

Acabaron os debates. Nos últimos 30 anos a estadística di que estes cara a cara presidenciais apenas inflúen na intención de voto, pero as tornas cambiaron desta vez. As posturas políticas dos dous estaban bastante claras pero o que estaba en xogo non eran as ideas, era a forma de executalas, o temperamento, o ser presidenciable.

Os tres debates, e o que aconteceu ao seu redor, foron un máster de estratexia. Trump é un adversario temible no un para un pero ante Clinton partía xa cunha desvantaxe…Hillary é unha muller. As bravuconadas que lle valeron nas primarias rodeado de machos alfa coma el non aplicaban xa. A campaña de Clinton entendeu rápido que non ía ser un debate de políticas senón de capacidade.  A proba? Ningún alto cargo republicano baixou do carro de Trump pola súa idea do muro, a política de deportacións, política fiscal ou exterior. As fuxidas foron polo seu carácter inestable, irascible, totalitario e irreflexivo. As desercións viñeron fundamentalmente por menosprezar a un heroe de guerra americano e a súa familia porque eran musulmáns, e polas verbas filtradas de como vexaba ás mulleres.  

O escenario para Clinton era moi complicado. Lembremos que Trump viña de arrasar a 16 candidatos republicanos nas primarias, pero ante Clinton mordeu unha e outra os cebos que a Secretaria de Estado lle puxo diante. Demasiado ego e pel fina para aturar eses dardos. 

O primeiro debate. Logo de preparar o terreo a chave foi cando Hillary sacou á palestra a Alicia Machado, ex-Miss Universo -certame do que Trump era dono-. Clinton denunciou que Trump a chamara Miss Porca, porque subiu de peso, e Miss Servinte, porque era latina. Cebo na auga e Trump entrou de cabeza. 

Ese foi o primeiro golpe dos moitos que virían despois. A tres días do segundo debate fíltrase a famosa conversa onde Trump describe como acosa ás mulleres. Sae un venres, non é casual. Un fin de semana por diante para que sexa o ruxe ruxe de todo Estados Unidos e o domingo pola noite, o xornalista de CNN Anderson Cooper , inimigo declarado de Trump, arranca o segundo debate por aí de forma absolutamente xustificada. Xogada perfecta. O contraataque de Trump foi aparecer en rolda de prensa antes da cita con mulleres que acusan a Bill Clinton de acoso sexual…o coñecido como: e ti máis! O que ven sendo unha asunción tácita do delito. Isto foi unha absurdeza estratéxica de primeiro calibre, que se desmonta -se fixera falta facelo- dicindo que Bill non é o candidato a presidente. Kellyanne Conway, a última xefa de campaña de Trump estaba superada.

Trump e Clinton chegaron ao primeiro debate separados só por un punto nas enquisas, e ao segundo separados xa por cinco, a estratexia funcionaba, así que entre o segundo e terceiro debate, máis madeira. Nove mulleres denuncian diversos casos de acoso protagonizados por Trump. Trump di que é mentira, pero xa ninguén o cree. Tocado pero non afundido. Así chega ao debate das Vegas. Usando a terminoloxía do casino Trump ten que xogarse un “all in” todo ou nada. Trump ten que atacar e Clinton aguantar. A presión era enorme para Clinton pero ela tirou de táboas, e non só se defendeu senón que atacou. Trump fóra de si acabou chamándoa “asquerosa”. Xaque mate. No que estaba en xogo, que era saber quen aguantaba a presión Trump caeu e Clinton saíu do terceiro encontro con 7 puntos de vantaxe.

Clinton acadou o que ningún dos 16 aspirantes republicanos conseguiron, desmontar a Trump, hai que darlle mérito a iso. A parte mala desta campaña é que pasará a historia como unha das máis sucias e seguro que deixará un país dividido, a parte boa é que estes debates serán recordados tamén como unha lección de estratexia política colosal.

Te puede interesar