Opinión

A roupa de Ivanka Trump

Siga o diñeiro. Hai días nos que é mellor non erguerse da cama. Para Trump ese día foi este xoves. Mentres a primeira tormenta de neve de 2017 azoutaba Nova York, a Corte de Apelación do Circuíto 9 preparaba outro trebón para Trump. Por unanimidade, e isto é importante, os tres xuíces que a conforman decidiron manter o segundo bloqueo imposto contra o veto migratorio. “Tres a cero” como indicou Hillary Clinton na súa conta de Twitter. Pero Twitter é territorio Trump. De feito mantén dúas contas, a súa persoal e a oficial do presidente dos Estados Unidos. Ten todo o sentido do mundo, así pode falar nunha e acto seguido contradicirse na outra. Minutos despois de saberse a sentenza, Trump publicou en maiúsculas -o que corresponde a berrar nas redes-: “Verémonos na Corte, a seguridade nacional do país está en xogo”. 

Vaiamos por partes. Antes de atacar de forma furibunda á decisión do tribunal, Trump xa insultara ao xuíz federal James Robart de Seattle, quen paralizara de forma temporal a orde en todo o país. Falou de “ese ao que chaman xuíz” e que “se pasa algo agora será culpa súa”. Medio país apoia a Trump pero o outro medio está fondamente avergoñado. A Trump, amais da pataleta, o que lle queda é a Corte Suprema que segue á espera de que se nomee o seu noveno membro. Para levantar unha sentencia de Apelación necesítanse 5 votos na Corte Suprema que agora Trump non ten, e nin sequera a presencia do seu candidato Neil Gorsuch, lle garante que poida sacala adiante. Tocará recuar e reformular. 

Co desgusto no corpo Trump colleu o teléfono e chamou a Xi Jinping, o presidente da China. A escalada de violencia verbal xa desde que Trump era candidato tivo aos dous países en alerta. A Administración Trump dixo que non permitirían a construción de máis illas artificiais no Mar do Sur da China, e tampouco o acceso ás xa creadas baixo ameaza de confrontación bélica. Para engadir máis leña ao lume, Trump, aínda sendo presidente electo, rachou a política de “Unha China” que rexe as relacións bilaterais durante as últimas catro décadas, chamando por teléfono á presidenta de Taiwán. China considera a Taiwán unha provincia rebelde e non recoñece a súa autonomía. Trump anunciou o cambio desta e doutras políticas coa China pero este xoves deu marcha atrás. A conversa que se prevía extraordinariamente tensa foi, segundo a administración chinesa, “extremadamente cordial”. Por certo, a China é o maior acredor estranxeiro da débeda norteamericana, ao redor do 7% do total do país. Hai que seguir o diñeiro. 

Tras acabar a conversa con Xi Jinping, Trump acendeu a televisión e viu a Kellyanne Conway, a súa asesora, falar desde a Casa Branca invitando aos espectadores a que mercaran roupa da marca da súa filla, Ivanka Trump. “É fantástica, eu mesma teño varias cousas. Saian a rúa a mercar roupa de Ivanka”. O que lle faltaba para rematar o día. O contexto é que os grandes almacéns multimarca Nordstrom retiraron a liña de Ivanka Trump por escasas vendas e iso provocou a reacción republicana e de Kellyanne. O que fixo Kellyanne está a ser investigado pola Comisión de Ética do Congreso porque facilmente pode ser un delito federal por abuso de posición. Trump dixo que a respaldaba totalmente. Normal. Máis diñeiro.

Pero o bo vén agora. Mentres falamos de vetos migratorios, da China e a roupa de Ivanka, a Administración Trump acaba de darlle luz verde á “revisión” da norma “Dodd-Frank”. E que é a norma Dodd-Frank? Pois o freo que Obama puxo a Wall Street para que non se repetira a crise das “subprimes” de 2008 e o colapso financieiro mundial. Unha das medidas é que os bancos teñen que someterse a probas de solvencia anuais para evitar que poidan pasar desapercibidos buracos como o de Lemman Brothers. Esa lei voará polos aires. O motivo: “ Teño amigos que non poden lanzar empresas debido a que os bancos non queren prestarlles diñeiro a causa das regras e controis da lei Dodd-Frank”. Así de claro falou Trump o pasado venres.

Para ser o candidato que viña contra as elites e contra Wall Street parece que non tardou moito en cambiar de idea. Era, obviamente, mentira. Só queda por saber o tempo que tardarán en decatarse moitos americanos. Todo é diñeiro, temos que estar atentos cando nos despistemos cos feitos alternativos. Á “esquerda” é moi doado mantela ocupada mentres loita por fins solidarios, só hai que crear a distracción, e canto máis grande mellor. E mentres todos miran para o veto e se felicitan pola derrota de Trump no xulgado, Trump engade máis ceros na conta dos seus amigos -que será a súa- cando saía de aí. O plan é perfecto. Coma Pepe Carvalho, nunha de Montalbán… hai que seguir sempre a pista do diñeiro.

Te puede interesar