Opinión

O último home na Lúa

Estás listo? Imos sacar isto d´eiquí?” Estas foron as últimas palabras do último home en pisar a Lúa, o capitán Eugene Cernan en 1972. Visto así quítalle bastante épica a todo o publicado sobre estas últimas frases, porque xa se sabe que estas son sempre palabras para a historia. Quen non lembra ese: “é un pequeno paso para un home, pero un gran salto para a Humanidade” do coronel Neil Amstrong o 21 de xullo de 1969?

Para ser xustos estas palabras de “imos sacar isto d´eiquí” as dixo Cernan unha vez pechada á porta ás súas costas. Seguro que Amstrong dixo algo parecido. Cernan antes de pechalas e de deixar a última pegada dun home na Lúa dixo: “Marchamos como chegamos. Con esperanza e paz para a Humanidade”, que non están mal pero non son as de Amstrong.

A que ven todo isto? Pois a que esta semana Estados Unidos autorizou a primeira misión espacial privada que vai chegar á Lúa, e vaino facer o ano que vén. Iso si, non será tripulada. O primeiro que chama a atención é que un país teña que dar o visto bo a unha misión privada -non gobernamental- cando a Lúa é Patrimonio Común da Humanidade. Pero é así, e así queda reflectido no tratado que se deu en chamar “Tratado sobre o Espazo Ultraterrestre”, que data de 1967, e que é un auténtico repaso á historia do momento. Nos 60 a Guerra Fría foi elevada ao espazo, e así se explica que neste tratado se fale especificamente da prohibición de calquera potencia de instalar calquera clase de arma nuclear no espazo, e nomeadamente na Lúa.

Antes de que o “Apollo XI” chegara alá arriba, o noso querido satélite xa estaba cheo de chatarra espacial. Chatarra porque rusos e americanos andaban tolos por chegar pero non atinaban coas distancias e, unhas por pouco e outras por moito, a maior parte das naves enviadas acababan feitas anacos contra a superficie lunar. O do “Mar da Tranquilidade” pasou a ser un eufemismo a finais dos 60. Os primeiros en poñer algo sen romper na Lúa foron os soviéticos en setembro de 1959. Foi o “Lúa 2”. Nese mesmo mes os americanos lanzaron o “Pioner P-1” que non chegou. En outubro de 1953 os rusos mandaron o “Lúa 3” que acadou as primeiras fotografías da cara oculta. Os rusos estábanlle a comer claramente as papas aos americanos ao comezo da carreira espacial.

O primeiro “éxito” dos americanos chegaría no 1962 cando espetaron contra a superficie lunar o “Ranger IV”. Algo e algo, chegar chegaron, non como estaba previsto, pero chegaron. Pasarían 7 anos de intensas probras ata que arriba o “Apollo XI”. Por esta rivalidade URSS-USA precisamente é polo que non se sosteñen as miles de teorías conspiranoicas que din que a aluaxe do “Apollo XI” foi unha montaxe de Hollywood. Se fora así non dubiden que os rusos serían os primeiros en esnaquizar e sacar á luz a farsa, pero non o fixeron porque non puideron…o home chegou a Lúa. E non só chegaron unha vez 3 homes…chegaron 12. En novembro desde mesmo ano chega o “Apollo XII”. O que non chegou foi o seguinte, o famoso “Apollo XIII”, xa saben, o de “Houston, tivemos un problema aquí” (“Houston, we´ve had a problem here” esta é a tradución correcta, e a frase correcta, por certo). E así ata o “Apollo XVII” do capitán Cernan. O capitán sabía que polo momento el ía ser o último home en pisar a Lúa porque co “Apollo XVII” quedaba xubilado ese programa…o que non sospeitaba é que 44 anos despois a súa pegada aínda sería a última no satélite. Se a última frase non foi grande cousa o que si quedará para sempre son tres letras na superficie. Cernan colleu o vehículo lunar e debuxou sobre o chan “TDC” as iniciais da súa filla, que seguirán aí para sempre ou ata que lle volvamos espetar algo ao noso satélite.

A nova dunha misión privada á Lúa ten máis relevancia do que parece. Bromas á marxe, o mérito dos pioneiros é extraordinario, e os avances que supuxo toda esta carreira fixeron evolucionar á humanidade de forma exponencial no canto de lineal na súa relación coas máquinas e sobre todo cos ordenadores. Non teríamos hoxe teléfonos intelixentes de non ser por puñado de xenios que conviviron e pelexaron na década dos sesenta por mandar obxectos á Lúa. Os rusos fixeron mellores aos americanos e viceversa. Pero esta batalla ao final a levaron os americanos e aprenderon a lección. Investiron en innovación e desenvolvemento tecnolóxico e hoxe son os donos da economía mundial. Estados Unidos segue por ese camiño. Eles producen tecnoloxía porque invisten nelo e o resto do mundo consumimos o que eles fan. O día que nos deamos conta disto seremos potencia. Lamentablemente, visto o visto, os americanos volverán chegar antes á Lúa que nós a investir de verdade en Ciencia.

Te puede interesar