Opinión

A viaxe a Londres de Mr. Trump

Tapar decisións polémicas con bombas. Empezo a ver sinais dun patrón de conduta que me custa crer… pero son feitos. O xoves 6 de abril, mentres USA atacaba Siria, os republicanos forzaban a lei para que Neil Gorsuch pasara a proba do Senado e se convertera en xuíz do Tribunal Supremo, co que os conservadores recuperaban o “control” da máxima autoridade legal dos Estados Unidos. Ese, sen dúbida, tería sido o titular de non ter sido polo ataque a Siria. Este xoves 13 de abril a coalición aliada encabezada por Estados Unidos soltou a MOAB, a bomba non nuclear máis potente que existe, sobre territorio afgán na loita contra o ISIS. Ese mesmo xoves 13 de abril, a porta pechada, Trump asinaba a orde para deixar sen fondos o Planned Parenthood, o servizo de planificación familiar. Esta orde saíu adiante no Senado polo voto de calidade do vicepresidente Mike Pence (51-50). Iso significa que dous senadores republicanos votaron en contra do seu propio partido. Esta lei tería sido tamén portada en tódolos medios americanos de non ser pola bomba.

Trump é un mago dos globos sonda e de desviar a atención. En apenas tres meses, sen ningunha clase de rubor, como bo político -malia que di que non o é- probou que mentiu en política exterior, con China, coa OTAN…En apenas 3 meses, deixou de lado o America First para mandar unha frota a Corea do Norte e soltar a maior bomba xamais lanzada sobre Afganistán. En campaña acusou a China de manipular o valor da súa moeda para facilitar as exportacións cando non había ningunha evidencia e creou case un “casus belli” a conta de Taiwan. Pois ben, esta fin de semana, tras reunirse en Mar-A-Lago co presidente chinés Xi-Jinping dixo que non era certo, que China non manipulaba a súa moeda, faltoulles bicarse nos beizos. Da OTAN fartouse de dicir que era unha organización obsoleta e ameazou con saír dela…esta semana dixo que xa non estaba obsoleta.

planificación

O Planned Parenthood foi o mínimo intento de Obama de crear clínicas de planificación familiar onde garantían a seguridade no caso de aborto. Pero non era só iso. Este servizo ía destinado ás máis desfavorecidas. Ás mulleres que non teñen recursos para “ir a Londres a abortar”. Servía para planificar a través de anticonceptivos nun país onde se saes das 7 grandes cidades tes nenas de 18 e 19 anos con dous fillos e sen traballo. Servía para darlles servizos prenatais, previr enfermidades de transmisión sexual, diagnose de cancro de cerviz ou de mama…para todo iso valía o Planned Parenthood aquí en Estados Unidos, onde se non tes cuartos para pagar o seguro un parto pode custar 60.000 dólares. Os republicanos “pro-vida” foron incapaces de ver máis aló do tema do aborto.

O problema de todo isto non está en ser “pro vida” ou “abortista”. Os dous poden ter argumentos de peso para posicionarse desde puntos de vista científicos ou relixiosos. O problema está na hipocrisía e nas persoas que realmente saen prexudicadas. Como na España dos 60. O rico máis antiabortista que puidera haber na aristocracia madrileña (e de provincias) non tiña problema para levar a súa nena de 16 anos de visita a Londres “para ver o Big Ben”, mentres a criada, que non tiña esa opción, daba a luz a un fillo tan pouco planificado como o do rico. No momento da verdade se tiñas diñeiro traizoabas todas as túas crenzas relixiosas e científicas, de portas para adentro, claro.

Hipocrisía pura. Quen sae perdendo? A xente sen recursos, a que non pode permitirse esa viaxe. A que non tivo tampouco acceso á educación sexual e planificación familiar que agora lles volven negar. Non é unha cuestión de aborto é unha cuestión que vai moito máis aló. En España, en Europa en xeral, este debate está superado ou polo menos regulado cuns mínimos básicos de cobertura sanitaria, xa non hai que ir a Londres. Estados Unidos vai para atrás. En campaña Trump dixo que se plantexaba incriminar penalmente á muller que abortarse...e ao home que a deixou embarazada? A ese nada, claro. A culpa é da muller. Trump prometeu cargar contra Wall Street, ser a voz da rúa, dos desfavorecidos...

Pois a xente da rúa, querido amigo, non ten cartos para ir ver o Big Ben coas súas fillas. Saúda a Theresa May cando a vexas de parte dos veciños dos inmundos parkings de caravanas nos que viven boa parte dos habitantes do teu país. O teu país de verdade, non os snobs de Park Avenue, 10010, NY.

Te puede interesar