Opinión

A volta de Mr. Orwell

“1984” a novela publicada por George Orwell no 1949 acaba converterse de novo en superventas en Amazon esta semana. E non, non estrearon unha nova edición de “Gran Imán” en Estados Unidos, desta volta foi Kellyanne Conway á culpable. A ex xefa de campaña de Trump e agora asesora do presidente, lle fixo estoupar a cabeza á prensa americana coa súa xa famosa expresión: “feitos alternativos”. Dixo Kellyanne -sen inmutarse- que a Casa Branca as veces presentará feitos que non se corresponden coa realidade que percibe o resto do mundo -a prensa neste caso- e a iso lle chamou “feitos alternativos”. É dicir, a Casa Branca, vai mentir abertamente. Xa o fixo Spencer Spicers, o novo voceiro. A súa primeira intervención foi para mentir sobre a participación de público no día inaugural de Donald Trump que era algo tan sinxelo de contrastar como cunha foto, como así foi. Os correspondentes da Ala Oeste non daban creto. Pero está todo pensado, de feito está todo escrito xa. Orwell definíao como dobre pensamento. “O dobre pensamento significa o poder de soster dúas crenzas contraditorias nunha mesma mente á vez e aceptar ás dúas”. Isto é o que fai o equipo de Trump e o propio Trump. Sosteñen unha idea e o seu contrario á vez o que fai curtocircuitar a calquera outra mente cunha capacidade de razoamento lóxico.

Esta semana un asesor da Casa Branca dicía nunha entrevista que o número de votantes ilegais nas pasadas eleccións foi de 3 millóns de persoas. Fago un paréntese aquí. O sistema electoral americano é un auténtico desastre, desde as primarias dos partidos ata as propias eleccións, que favorece toda clase de irregularidades imaxinables, pero os dous partidos o acatan e ningún o vai cambiar. De feito Trump fartouse de dicir en campaña que as eleccións estaban amañadas e que ía loitar por cambiar o sistema…excepto se gañaba. Pecho paréntese. Dito isto, ninguén dubida da vitoria legal de Trump e a ninguén lle preocupa agora o voto popular de hai 4 meses, pero parece que Trump non pode aturar ter perdido por case 3 millóns de votos finalmente ese reconto e sigue nelo. Non o pode aturar ou realmente quere centrar a atención en temas triviais como este mentres fai e desfai? Con Trump hai un pouco dos dous, ego ferido e usar globos sonda para desviar a atención do transcendental. Volvo a historia. Dicía este representante que sabían que tres millóns de persoas votaran ilegalmente e que ían comezar unha investigación. Ben. O xornalista preguntoulle: "Van comezar a investigación e xa saben o resultado? Primeiro investigarán e logo dirán se son 3 millóns, 5 ou ningún, non?". “Pois non”, insistiu o entrevistado, “xa sabemos que son tres millóns”. O xornalista abraiado, preguntalle de novo:“Pero iso son feitos, teñen as probas?” E contesta o asesor: “Pois non as temos porque aínda o imos investigar pero xa o sabemos e o podemos anunciar” e quedou tan ancho. Dobre pensamento e feitos alternativos. Absoluto desprezo pola realidade que se se fai de forma sistemática e masiva acaba por minar a resistencia das mentes. É todo un plan, e moi intelixente. Agora máis que nunca o xornalismo está a proba en Estados Unidos. De feito hai grandes medios plantexándose retirarse das roldas de prensa da Casa Branca, non facer de altofalante a esa realidade paralela que o goberno quere impulsar.

Amais de Orwell, Kelly Anne Conway e Steve Bannon tamén leron a Maquiavelo. Dicía Nicolas, no Príncipe, o tratado que inaugura a ciencia política moderna, que: “O mal faise todo xunto e o ben adminístrase pouco a pouco”. Tamén Trump empezou pola porta grande. Obamacare, muro, medio ambiente, tratados comerciais, control de inmigrantes, abolición das cidades santuario…Todo iso faise de golpe, e mentres, desviase a atención falando de temas absolutamente triviais, pero non vai ser tan doado. En relación á volta das torturas como método de interrogatorio dixo esta semana o ex candidato a presidente e senador republicano, John McCain que: “O presidente pode firmar todas as ordes executivas que queira, pero a lei é a lei, e non imos traer de novo á tortura aos Estados Unidos”. Unha cousa é asinar ordes executivas e outra que se cumpran. Non vai ser tan doado levantar o famoso muro, e moito menos que México pague por el. A ocorrencia do incremento dos aranceis un 20% non evitará que, ao final, os americanos sexan os que paguen miles de millóns de dólares polo valado. Non vai ser tan doado deportar a 11 millóns de persoas. Chicago, Los Anxeles o Nova York xa se negaron acatar a orde de darlle datos de inmigrantes ao goberno e deixar de ser “cidades santuario”. Non vai ser tan doado reanudar o oleoduto polas terras sagradas dos Indios americanos, non vai ser tan doado substituír o Obamacare, non vai ser tan doado. Unha cousa é asinar acción executivas e outra que se executen. A diferencia entre ser candidato e ser presidente é que un vive de falar e o outro de facer, e facer non é tan doado aínda que sexas o presidente do Estados Unidos de América.

Te puede interesar