Opinión

O xeado de Clint Eastwood

En Carmel by-the-sea -unha vila de apenas 4.000 habitantes ao sur de San Francisco - os seus habitantes poden comer xeado na rúa gracias a Clint Eastwood. Palabra. Carmel by-the-sea é tranquila case por lei. As casas son copias das “cabanas” suízas e aínda a día de hoxe as rúas non teñen nin números nin nomes. Non se reparte o correo, os veciños que queiran recoller as cartas teñen que ir por elas á central.

E que ten que ver isto con Clint Eastwood? Pois que “Harry o Sucio” quedou prendado desta vila tan tranquila coma snob hai máis xa de 40 anos, e alí fixou a súa residencia. Pero non só iso… foi seu alcalde entre 1986 e 1988, e non é que non tivera outra cousa que facer. No 86 rodou a lendaria “O sarxento de ferro” e no 88 a extraordinaria “Bird” sobre a vida de Charly Parker, onde xa se empezaba a intuír que había outro Eastwood agochado tras “Harry Callaghan”. Clint, era e é republicano. O seu slogan para a alcaldía foi "Bringing the Community Together” (Unindo á comunidade) e a súa estratexia era tender pontes entre os veciños que querían ter negocios alí e os que só residían e non querían que nada afectase a súa pacífica existencia.

Unha das cousas que cambiou Clint foi levantar a prohibición de comer xeados na vía pública. Non se sabe moi ben porqué estaba prohibido, pero estaba. Esta foi unha das grandes liñas da estratexia da súa campaña, polo que se pode deducir tamén que non había grandes problemas na vila. Gañou co 72% dos votos. Neste pobo aínda a día de hoxe está prohibido andar pola rúa con zapatos con taco de 5 centímetros ou que non teñan unha base de 1 centímetro cadrado polo menos. Estados Unidos está pragado de leis absurdas pero esta pode ter o seu aquel. Data de 1920, e xa daquela o gobernante de quenda estaba farto de que calquera que escordase un nocello polo mal estado da rúa levase a xuízo ao concello e cobrara unha indemnización. Así que, ou ías sen tacóns ou había que pedir un permiso para levalos. Hoxe en día segue vixente pero xa non se aplica baixo o pacto tácito de non demandar ao concello se afociñas. A Clint non lle pareceu relevante para cambiala.

California ten unha estraña relación de actores coa política. Mentres Clint mandaba en Carmel by-the-sea, na Casa Branca estaba a piques de rematar o seu segundo mandado o ex gobernador de California, Ronald Reagan. Ronald non tiña a calidade actoral de Eastwood pero desde logo non era un descoñecido nin moito menos como as veces se quere facer ver. En “Dark Victory” (Amarga Victoria, 1939) Reagan compartiu escena con Bette Davis e Humphrey Bogart e a cinta recibiu 3 candidaturas aos Óscar. En “Knute Rockne, All American” (1940) sobre o lendario adestrador da Universidade de Notre Dame, Reagan xa tivo un papel protagonista para o que se barallaban nomes coma John Wayne ou William Holden. Abro paréntese para contar unha anécdota. James Cagney, farto de papeis de gángster, quería interpretar ao mítico adestrador pero foi rexeitado porque asinara unha petición de apoio ao bando republicano (anticlerical) na Guerra Civil española, e iso, á todopoderosa e católica universidade de Notre Dame non lle pareceu nada ben. Nesta cinta a Ronald chamábanlle “The Gipper” e con ese alcume quedaría xa o resto da súa carreira.

Reagan foi o 33 gobernador de California e o 38 foi Arnold Schwarzenegger, entre 2003 e 2011. O cine do austríaco pode gustar máis o menos pero a revisión da súa biografía é abraiante. É o soño americano feito realidade. O emigrante feito a si mesmo ate chegar ao máis alto. Schwarzenegger substituíu a Trump no programa da televisión “The apprentice” que con Donald no xurado alcanzara grandes niveis de audiencia. Arnold non o fixo tan ben coma Donald, o programa caeu, e Terminator foi despedido. Donald por suposto aproveitou a conxuntura para mofarse de Arnold Schwarzenegger, que é un dos republicanos máis críticos coa actual administración. O que non esperaba Trump foi o que pasou esta semana. Seus índices de aprobación como presidente caeron por primeira vez por baixo do 40% e adiviñan quen lle recordou a caída nos seus “ratings”? Pois si, Arnold. Era visto, así estamos. Clint, amaña ti isto.

Te puede interesar