Opinión

Un desconfinamento asimétrico e descentralizado

Oerro do Goberno do Estado no confinamento foi confundir a necesaria coordinación e codecisión propias dos estados plurais, como Alemaña ou -teóricamente- o Estado español, co desaquelado e ineficiente Mando Único. E no desconfinamento o erro é semellante: o lóxico sería que o Estado español, en coordinación coa UE, establecera unhas recomendacións xerais de mínimos e actuase de central de dados e información, mentres as administracións autonómicas, en estreita cooperación cos concellos, decidisen e executasen no territorio o desconfinamento.

Non só evitaríamos deste xeito absurdos como que os de Padrón non poidan atravesar a Pontecesures e si poidan viaxar a Ferrol ou impor franxas horarias para o exercicio físico no concello de Cerceda -5.001 habitantes-, malia o seu espallamento poboacional. Tamén planificaríase a volta a certa actividade económica en diálogo cos axentes sociais e económicos territoriais, evitando que os grandes de Madrid dos sectores turístico-hostaleiro ou da distribución comercial falen por todas.

No ámbito das decisións xurídicas, cómpre lembrar que Galicia conta, dende 2007, cunha Lei de Emerxencias (aprobada polo BNG e PSdeG co voto en contra do PP de Feijóo) que achega dous dos tres instrumentos que fornece a declaración do estado de alarma: requisas temporais de bens e empresas (coa obriga recíproca da Xunta de indemnizar os danos e perdas) e prestacións persoais. Canto á terceira achega do estado de alerta (a restrición de mobilidade), a lexislación sanitaria estatal e autonómica permítelle ao Sergas decidir medidas de tratamento, hospitalización e mesmo control e monitorizamento das persoas doentes e outras que estiveran en contacto con elas. É dicir, o estado de “alarma” estatal xustificaríase só pola necesariedade dunha restrición universal da mobilidade.

Logo hai dúas decisións posíbeis: i) voltarmos á normalidade xurídica, repoñendo as autoridades autonómicas en todas as súas funcións decisorias e substituíndo as restricións obrigatorias universais de mobilidade por recomendacións continuamente difundidas, na confianza de que a cidadanía asumiu en liñas xerais as normas de hixiene, prevención e distancias interpersoais; ou, ii) prorrogar limitadamente (entre 15 días e un mes) o estado de alerta, conferindo a cualidade de autoridades delegadas do Goberno do Estado aos presidentes autonómicos para dirixir o desconfinamento asimétrico. Nada máis lóxico nun Estado onde a sanidade, a educación, o comercio interior e o turismo son competencias autonómicas.

 Ao Estado haberíalle cumprir, nesta fase, a súa función natural nun estado plural: coordinar políticas coa UE, garantir o financiamento das políticas públicas e asesorar coa mellor información e recomendacións (como fai o Goberno federal alemán) aos gobernos autonómicos. 

Te puede interesar