Opinión

Fondos europeos e rescate da hostalería e da cultura

Na gobernanza económica que esixe para Galicia a pandemia salienta o obxectivo do fomento da reindustrialización, viabilización e resiliencia definido nos fondos europeos Next Generation EU (140.000 millóns de euros para o Estado dos 750.000 millóns de euros acordados pola Unión Europea) e o mantememento do tecido produtivo de pemes, nomeadamente da hostalería e actividades culturais, que son as que sofren nomeadamente as restricións sanitarias (canda determinado comercio de proximidade non esencial).

Este sábado 30-X diversas organizacións sindicais, ecoloxistas e sociais manifestáronse na Galicia contra a distribución destes fondos europeos, por canto estarían a se monopolizar polas grandes empresas do Ibex 35, nomeadamente as de distribución eléctrica, petróleo, gas e grande produción forestal, de xeito que obxectivos europeos de primeiras ben aquelados como a reindustrialización verde ou o potenciamento da produción eléctrica a medio de fontes renovábeis estarían a perigar gravemente ao pormos o raposo ao coidado das pitas. É dicir, ao destinarmos a meirande parte destes fondos europeos ás mesmas grandes empresas do Ibex 35 que son os máximos responsábeis dos danos e riscos ambientais e da precarización do emprego.

Pedro Sánchez ven de salvar o Decreto-Lei que regula a xestión destes fondos europeos pola abstención de Vox e a aprobación dos nacionalistas vascos do PNV e EH-Bildu, conformes cunha xenerosa cota para a avanzada industria vasca que autoxestionarán eles propios. Mais Galicia recebirá só o 4,4% dos fondos territorializados, menos do 70% do que nos cumpriría pola nosa poboación e diferenza co PIB per cápita estatal. Mais non só é o Goberno do Estado quen está a xestionar de xeito escuro estes fondos, porque tamén a Xunta atenta contra as normas democráticas de transparencia. Nun e noutro caso agachan a incapacidade de xestión e a súa vontade que sexan as grandes empresas as que monopolicen dos destinos dos fondos, esquecendo que son as pemes a chave do emprego e os sectores autóctonos de vantaxes comparativas os que poden de verdade mudar a estrutura produtiva deste país.

No outro ámbito fulcral, no da destrución do actual tecido produtivo, a Xunta rexeitou unir esforzos coas deputacións e os principais concellos da Galicia para rescatar ao sector hostaleiro, que ten sofrido canda o sector cultural a peor vaga destrutiva da pandemia. Amosaron Feijóo e Rueda a súa falla de compromiso cun sector inxustamente estigmatizado, absurdamente fragmentado canto axentes representativos e que precisa, canda as nosas actividades culturais, un plan moi potente que semella non virá polo de agora.

Precisamos liderados políticos, mais tamén sociais e sectoriais, que mobilicen as forzas vivas galegas para esixir unha gobernanza económica transparente, social e democrática, en Compostela, Madrid e Bruxelas. 

Te puede interesar