Opinión

Garantir os nosos cartos

Afalcatruada da ministra Montero á conta dos 200 millóns de euros recadados polo IVE na Galicia en decembro de 2017 acadou o rexeitamento xeralizado da cidadanía. Mais compre tirar deste fío para entendermos a inxustiza dun sistema de financiamento que condena á insuficiencia de recursos á sanidade galega e demais servizos públicos.

200 milóns de euros son o 8% dos 2.500 adebedados ás CCAA, todas agás Euskadi e Nafarroa, que recadan cadanseus impostos. Logo recadamos por IVE bastante máis que o que nos cómpre por PIB (5,5% do total estatal) conxunto do Estado. Isto quere dicir que a actividade económica real é moi superior á contabilizada a prol de Galicia. Por exemplo, PSA e Alcoa teñen o seu domicilio fiscal fóra do país e computan fóra.

Os número son abraiantes. No 2017 recadáronse 12.214 milóns de euros de impostos, dos que só uns 7.650 volveron ao Orzamento da Xunta vía financiamento do Estado. Os 4.700 da diferenza fican en Madrid. Porén, hai que pagar os policías, defensa, xuros da débeda e demais servizos estatais. Mais non valen 4.700 millóns de euros/ano. Euskadi paga entre 1.300 e 1.550 co 6,24% do PIB estatal. Galicia, co 5,5%, habería pagar uns 150-200 menos. Si, botaron ben a conta: perdemos (por non dicilo doutro xeito) 3.300-3.400 millóns de euros/ano que van a Madrid e non volven.

Os nosos concellos receben do Estado só o 3,3% dos fondos de financiamento local, cando por poboación nos cumpre o 5,2%. Porque Madrid financia directamente cada concello priorizando a súa poboación. Velaí a perda de 600 millóns de euros/ano que mellorarían o financiamento dos servizos públicos locais en Galicia.

O unionismo centralista adoita opor a estas punxentes realidades a insuficiencia das cotizacións galegas á Seguridade Social para financiarmos as prestacións que percebimos na Galicia. Mais se os impostos son cuestión de territorios, as pensións perténcenlle ás persoas. Moitos pensionistas galegos gañaron o seu dereito de pensión cotizando fóra do noso país. Mesmo o seu ventureiro regreso a Galicia no outono da súa vida supón unha tensión engadida para o financiamento da sanidade pública galega.

Xa que logo, votemos para financiarmos os nosos servizos recadando os nosos impostos, sen acreditarmos na ladaíña dunha inexistente solidariedade que só tenta anular o noso autoaprezo. 

Te puede interesar