Opinión

A hora da coalición nacional

A crise política que vivimos determinará en poucas semanas unha evolución cara un Estado que lle dea mellor encaixe á plurinacionalidade española ou, pola contra, unha involución cara unha recentralización que rebaixe a autonomía política das nacionalidades, recoñecida provisionalmente antes de ser aprobar a Constitución, a unha mera descentralización administrativa.

 En calquera dos dous casos Galicia non ten unha estratexia gañadora, porque o seu Goberno asume o máis submiso dependentismo a respecto do Madrid político e económico. Porque se o Estado evolúe cara á plurinacionalidade, esa reforma non incluirá Galicia se o país non reivindica a súa singularidade nacional, como fixo no 1978 e no 1979. Mais se o Estado involúe cara á recentralización absoluta Galicia tamén terá que reaxir, porque un país cun PIB e poboación pouco superiores ao 5% estatais que depende de alicerces económicos estratéxicos que para o Estado son prescindíbeis precisa dun amplo e ben financiado autogoberno e a recentralización só lle pode ser prexudicial en termos de benestar social e económico e de desenvolvemento político e cultural.

 Velaí a necesidade de trascender os marcos que limitan as leiras de cada quén e superar a actual división orgánica do galeguismo político para construir unha grande coalición nacional aberta a todas as persoas e entidades que asuman Galicia como referencia vital e suxeito político e acrediten nunha política de inclusión e cohesión que resposte aos intereses das maiorías sociais.

 Esta coalición habería entender a pluralidade do país para comunicar en termos de interclasismo e transversalidade social. Os reptos de futuro do noso país non se entenden en termos de loita de clases, senón en clave nacional. A recentralización política e económica, que reduce a marxe e o negocio das empresas galegas para engordar o complexo construtor-concesional do capitalismo de BOE prexudica ao tempo aos emprendedores e aos traballadores. Razón evidente polo que esta coalición nacional teña que sobardar mesmo o ámbito obxectivo da esquerda democrática expandíndose cara a sectores da maioría silente para tentar substraelos, se quer parcialmente, do pensamento único do tripartito dinástico.

Son tempos, pois, de decisións intelixentes e xenerosas, en clave de país.

Te puede interesar