Opinión

A nidia derrota de Gonzalo Caballero

Gonzalo Caballero asinou o peor resultado da historia das eleccións nacionais galegas dende 1981 (14 deputados) para o PSdeG, cun 19% de votos. Aínda fixo boa a malleira sofrida polo seu tío Abel Caballero no 1997 (15 deputados), cando o secretario xeral Paco Vázquez era quen máis ordenaba.

Claro é que non estamos no 2016. Dende hai dous anos o PSOE ten o Goberno do Estado, gañou por primeira vez as eleccións estatais en Galicia en abril de 2019 (arredor do 32% dos votos) e case empatou as seguintes de novembro de 2019 co PP, non lonxe do 30%. Gañou nas locais de maio de 2019 as alcaldías da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Vilalba ou Burela, mantendo as de Vilagarcía de Arousa, Vigo, Lugo e Monforte de Lemos e máis todas as deputacións galegas agás a ourensá. Non, non é comparábel a catástrofe do 12-X de Gonzalo Caballero co mal resultado de Xaquín F. Leiceaga de setembro de 2016. 

Caballero amosou fasquía de delegado do Goberno do Estado, máis sanchista aínda ca o Iván Redondo. A cidadanía preocupada polo futuro das Pontes, Cerceda-Meirama, A Mariña ou, en xeral, a industria electrointensiva non recibiu ningunha mensaxe favorábel aos seus intereses. Como ben lle consta ao alcalde das Pontes e presidente da Deputación coruñesa, Valentín G. Formoso, que mantén un explícito silencio. 

Caballero tampouo traballou ben a fronte interna, ao impor xente da súa contorna e afección tanto para a Executiva Nacional do PSdeG como para integrar as candidaturas electorais galegas deste día. Velaí que agora non pode esixir adhesións inquebrantábeis. Pachi Vázquez ven de lembrárllelo: “Quitei 18 deputados no 2012 e Gonzalo Caballero foi o primeiro que pediu a miña demisión o día seguinte”. Ten razón o carballiñés, malia que cómpre lembrar que Pachi Vázquez foi tamén o primeiro en pedir a demisión de Touriño na noite do trunfo de Feijóo do 1-M de 2009, malia quitar 24 deputados.

Seica Gonzalo Caballero ten complicada a súa continuidade. Na xuntanza do Comité Nacional Galego do PSdeG (máximo órgano entre Congresos) para avaliar as eleccións do 12-X faltaron as alcaldesas da Coruña e Lugo, os alcaldes de Compostela, Vigo, Vilagarcía (actual presidente da Fegamp), Ferrol, Ames, O Barco (pasado presidente da Fegamp) e As Pontes (actual presidente da Deputación coruñesa). As presenzas falan, mais convirán comigo que as ausencias aínda falan máis nidiamente.

Iso si, o 32% obtido en Vigo por Abel Caballero amosa unha hexemonía inédita que nunca acadou Paco Vázquez en procesos electorais non locais. En Vigo non impera un estado de ánimo. Impera un estado de conciencia.

Te puede interesar