Opinión

Que non rouben a nosa Historia

Apluralidade das Españas medievais foi teimudamente combatida dende a doma e castración de Galicia pola Raíña Católica e, nomeadamente, dende a recepción do centralismo borbónico de raigame francesa. Velaí unha historiografía española deturpada, que nega as realidades nacionais históricas: a galega, a euskalduna na súa dualidade navarro-biscaina e a catalá.

Cinguíndonos ao noso, na provincia romana da Gallaecia abrollou no 411 o primeiro reino europeo baixo a dinastía sueva. Este reino chegou ocupar a metade da Península Ibérica, mais foi derrotado polos visigodos no 585. Porén, mantivo a súa autonomía até a invasión arábigobereber do 711 e constituiu o alicerce do grande reino de Galicia, o reino cristiano occidental. Para os historiadores e navegantes europeos e musulmáns entre os séculos IX e XII a península ibérica dividiase entre a cristiá Gallaecia e a moura  Spania.

Nos 1128-1137 o condado de Portugal separouse e, ao longo destes mesmos anos, Asturies e León foron emerxendo como  realidades diferentes da vella Galicia, que viviría á súa idade de ouro no século XII e na primeira metade do XIII, cos seus grandes reis Fernando II (o rei do Pórtico da Gloria, que reinou nos 1157-1188) e Afonso VIII (1188-1230),  fundador d`A Coruña, Betanzos, Viveiro, Baiona e Noia que abriu a catedral compostelá, faro da Europa toda, no 1211.

No 1230 o reino de Galicia pasou ao  fillo do Afonso VIII, Fernando III, e Galicia esmoreceu, malia que se mantivo independente de feito até a doma e castración isabelina (1479-1490) e tentou varias veces (1296, 1345, 1479) a independencia total cunha nova dinastía real, tentando, quer a reunificación con Portugal, quer o achegamento á sempre próxima Britania.

No 1479-1486  a Raíña Católica  esmagou a resistencia do País e someteuno brutalmente. Da fin do XV-primeiros do XVI até 1833 o Reino de Galicia constituiría unha provincia da Coroa castelá, de definida personalidade e con limitada autonomía. Despois, o Borbón dividiu Galicia nas catro provincias, como Murguía dicía que fixeran os romanos coa túnica de Xesús Cristo.

Pois xa ven. Esta historia real foinos agachada no colexio e segue a selo na sinaléctica da Catedral compostelá, que agocha a presenza nos seus muros dos restos dos Reis de Galicia.

Hai quen fala dende Madrid evitar o adoutrinamento no estudo da Historia. Adoutrinamento foi o que sofrimos coa negación da nosa Historia moitas xeracións de estudantes na nosa Galicia.

Te puede interesar