Opinión

Primeiro recado e despois pregunto

Aministra de Facenda insultou á nosa intelixencia co conto paifoco da caducidade dos 200 millóns de euros do IVE do 2017 que o Estado lle adebeda ao noso país. Os dous anos para a liquidación son unha garantía de cobro máximo para a Xunta de Galicia, nunca a caducidade que denuncia a ministra (por certo, non escoitei aínda dende a ineficiente Xunta esa explicación, a única que integra esta contía nos activos da Facenda galega) .

 Certo é que a ministra andaluza faille boa compaña ao presidente Núñez Feijóo no ámbito das proposicións políticas nunca acreditadas, Sonlles as servidumes dos partidos unionistas, dos estatalistas, sempre atentos á propaganda allea e nunca atentos á resolución dos problemas da xente. Porque o dos 200 millóns de euros son a enésima edición da incapacidade (quizais da falla de vontade) española para financiar os servizos públicos galegos.

Carlos Mella, vicepresidente da Xunta (1983-1985) propuxo unha reforma do Estatuto para recadarmos os impostos todos, pagándolle unha cota ou “cupo” (como din os vascos) a xeito de compensación dos servizos que desenvolve o Estado no noso territorio. Dicía Mella que cobrar nós os impostos sempre sería unha boa idea. “Primeiro recado e despois pregunto”, dicía o intelixente político estradense. Pola súa banda, o vicepresidente Anxo Quintana (2005-2009) dicía no 2008 no seu blog “falaconquin” que o autogoberno “precisaba dun financiamento abondo e o máis automático posíbel, que non fixera depender a calidade dos nosos servizos da decisión unilateral do Estado”.

Tiñan ben máis razón os nosos vicepresidentes Mella e Quintana ca o contemporáneo presidente Núñez Feijóo, que nunca foi quen de definir unha proposta concreta de financiamento do noso autogoberno e nunca ergueu a máis mínima queixa á xestión de Rajoy e Montoro, provedora de servizos públicos galegos infrafinanciados.

Porque non é verdade que o xogo do financiamento autonómico sexa de suma cero : quitarlle a Murcia para lle dar a Catalunya, darlle ás Asturies o que lle pertence á Galicia. Pola contra, vivimos nun moi descentralizado sistema de gasto e xestión que mantén unha moi grande centralización n do ingreso, canda unha potente recentralización das normativas dos servizos públicos. 

 Factores todos eles que alicerzan un infrafinanciamento xeralizado da sanidade, educación e servizos sociais que desenvolven as autonomías, mentres hai cartos para fondos estatais para competencias non estatais que obrigan ás administracións autonómicas a asumir políticas deseñadas dende Madrid no eido das súas propias competencias, se queren completar o seu cativo e miserento financiamento.

Te puede interesar