Opinión

Un proxecto galego autónomo?

En realidade, o que está a suceder no ámbito político de En Marea resposta á pura lóxica. Porque é posíbel, certamente, artellar unha alternativa en clave galega baixo o paraugas da confluencia de galeguistas, municipalistas e progresistas estatais, mais para iso compre recoñecer Galicia como o centro de decisión e referencia. Se mudamos esa referencia, ampliándoa cara ao Estado español, por exemplo, os conflitos axiña xurden. E xurdiron.

É realista e moi positivo que dous proxectos independentes, un galego e outro estatal, converxan, colaboren e se asocien en cuestións tan relevantes como arrincarmos a corrupción, construirmos a transparencia democrática, rexenerarmos o sistema político ou facilitar unha economía co centro nas persoas. Colaboren na gobernanza para transformar Galicia e o estado, dende o mutuo respecto, Mais o que non é de recibo é que o proxecto estatal de Podemos-IU, certamente orixinal e suxestivo, entenda Galicia a xeito de sucursal ou polo menos de realidade subordinada, como en último de contas a entenden o PSOE, o PP ou C´s.

E non é de recibo porque Galicia conta cuns alicerces económicos absolutamente prescindíbeis no contexto do Estado. É dicir, os sectores e actividades que para nós son fundamentais, o que para Galicia son as cousas de comer, para a cidadanía española son abertamente prescindíbeis. Para máis, Galicia só achega o 5% do PIB do Estado e o 5,6% da súa poboación. E estes feitos irrebátibeis non se resolven só máis calidade democrática a nível do Estado nin tampouco cunha outra política fiscal ou social, malia que certamente poidan axudar.

Galicia obtivo na historia bós réditos da colaboración entre galeguistas e progresistas españois, como ocorreu no 1936 cando o Partido Galeguista obtivo da colaboración coa estatal Izquierda Republicana o Estatuto de Autonomía. Pero o límite á colaboración entre galeguistas e progresistas españois é o respecto real á nosa identidade nacional e, máis concreta, precisa e exactamente, o respecto e salvagarda dos nosos intereses económicos. Uns intereses económicos que, por moitas voltas que lle deamos, funcionan en clave territorial e non en clave de loita de clases.

Te puede interesar