Opinión

Setecentos millóns de problemas

OEstado español adebédalle ao noso país, só por conceptos devengados no 2019, 700 millóns de ueros. 200 por liquidacións da participación autonómica no IVE que nos adebeda Madrid, 330 polas achegas a conta lexisladas na normativa de financiamento autonómico e os outros 170 por manter o equilibrio orzamentario nos exercicios anteriores. Ou sexa, por facer o parvo.

700 millóns de euros son un mundo de cartos. Os gastos galegos previstos para o 2019 son 11.291,18 millóns de euros, mais estes van na súa maioría a pagar gastos financeiros e correntes, de soldos e subministracións. Só 1.652 millóns de euros van destinados facer política transformadora, a investir en capital. Pois ben, estes 700 millóns de euros que nos adebedan constitúen o 42,42% de todos os investimentos galegos do 2019. Unha barbaridade, tendo en conta que os gastos e investimentos sanitarios, educativos, da dependencia e dos servizos sociais saen da Facenda galega. 

Estes 700 millóns de euros constitúen case o 15% dos 4.700 millóns de euros da débeda estatal cos gobernos autonómicos. Seica España nos afoga discriminatoriamente, pois que só achegamos o 5,7% da poboación estatal. O Goberno estatal de Sánchez tenta xustificarse, fronte isto, con que xestiona prorrogados os Orzamentos do 2018 e que está en funcións, o que lle impide adoptar decisións que condicionen as que lexitimamente adopte o no Goberno que saia das eleccións do pasado 28-A.

Porén, semella que todas esas sonlles desculpas de mal pagador. Porque o artigo 21 da Lei española 50/1997, regulatoria do Goberno e da Administración do Estado, outórgalle ao Goberno en funcións competencias para adoptar decisións canto á xestión ordinaria dos asuntos públicos e outras esixidas por razóns urxentes ou de interese xeral acreditadas a xeito. Os pagamentos a conta, as liquidacións do IVE ou os pagamentos acreditados por razón obxectivas de equilibrio orzamentario, todos alicerzados en normas con rango de lei, non son asuntos de xestión ordinaria? Non pertencen ao ámbito do interese xeral, cando é a Administración galega a que atende os principais servizos públicos? Non son urxentes, cando podemos enfrontar riscos de impago a provedores ou empregados públicos nos derradeiros meses deste 2019?

A Administración do Estado constitúe un burato negro que impide o noso benestar. Tiña ben razón o noso Carlos Mella, vicepresidente da Xunta no 1984, cando propuxo unha reforma do Estatuto para que nós recademos os impostos, como con moi bó suceso fan Nafarroa e Euskadi. 

Porque, co dos cartos, primeiro cómpre recadar e despois liquidar. Primeiro disparar e despois preguntar.

Te puede interesar