Opinión

O silencio internacional de Galicia

Os países como Galicia teñen necesidade dunha política exterior. É verdade que no contexto internacional de hoxendía o acaído é que só exista unha única diplomacia europea. Mais a política exterior é outra cousa e precisamos unha de noso.

Galicia é sinónimo de calidade internacional nunha boa cantidade de produtos e servizos. Tamén temos lingua e cultura de noso que nos abeira ao mundo lusófono e unha posición xeopolítica envexábel para o noso desenvolvemento como hub portuario entre Panamá e Europa. Mais só achegamos pouco máis do 5% do PIB e da poboación do Estado. Xa que logo, as nosas necesidades de promoción exterior, tanto no empresarial canto no cultural, son irrelevantes para España. O servizo exterior español non traballa para nós e temos que facer ese choio pola nosa conta.

No eido empresarial precisamos actuar eficientemente na atracción de investimentos exteriores e máis na apertura das exportacións galegas. No 2017 só atraímos o 0,96% dos investimentos exteriores no Estado, fronte ao 5,5% do noso PIB. Por outra banda, o 75% das exportacións galegas (moi concentradas en Inditex e PSA Peugeot-Citroen) fóra do ámbito do Estado véndense no Reino Unido, Franza, Alemaña, Portugal e Italia. Neste último ano fomos o territorio do Estado que máis baixou nas exportacións, pola nosa extrema exposición a ese ámbito restrinxido da Europa do Oeste. 

Dende a súa chegada ao goberno Núñez Feijóo desenvolveu un proceso de demolición condenando á minguante acción exterior galega á fragmentariedade, descoordinación e absoluta sumisión ás directrices da diplomacia española. Mais logo de perder o Goberno do Estado o PP e diante da irrelevancia de Feijóo e do PPdeG no contexto estatal, seica éste propón agora un anteproxecto de lei de acción exterior de Galicia que implícitamente recoñece os dez anos perdidos pola súa xestión medoñenta e retrógrada. 

Galicia está calada, está silente no mundo, malia termos unha mesta rede de centros galegos, tamén desatendidos polo Goberno galego nesta longa estadía popular que acada xa dez anos. Non son as provincias, senón os países, os que venden as súas exportacións e os seus produtos culturais, os que atraen o bó turismo e máis os que acadan investimentos exteriores.

Velaí que sermos país, sermos nación sexa a vía galega para o benestar. Polo menos a máis directa e quizais a única practicábel.

Te puede interesar