Opinión

Unión Europea: unha crise de sobrevivencia

AUnión Europea (UE) enfronta a peor crise sanitaria e, en moi poucas semanas, económica dende a fin da Segunda Guerra Mundial. E fronte este repto excepcional, amosa falla de capacidade de ollar lonxe, de liderado e de comprensión da excepcionalidade. Velaí que abrollase até de agora, unha resposta lenta, torpe e desartellada.

 Malia todo, algúns dos erros iniciais foron resoltos. O Banco Central Europeo (BCE) decidiu un programa de merca de activos públicos e privados por 750.000 millóns de euros, que mobilizaría 1,1 billóns. Revogouse a desaquelada prohibición alemana de exportación aos outros estados da Unión de material sanitario. E suspendéronse dos límites do déficit a cumprir polos estados. Unha suspensión que o Goberno do Estado non trasladou aínda ás administracións autonómicas e locais para que estas resolvan as súas necesidades sanitarias, sociais e de compensación e reactivamento económico.

 Mais a UE vive na división a respecto de medidas urxentes fronte á crise sanitaria que sofrimos, como a mutualización da débeda pública (eurobonos) e mesmo do seguro de desemprego. Medidas que compensarían a falla de resposta dos estados no eido da política monetaria, reservada ao BCE e ás facilidades comerciais da industria alemana. Mais a fenda entre as institucións comúns (Parlamento e Comisión Europea) e os estados da Europa meridional, Eslovenia, Irlanda e Luxemburgo fronte Alemaña, Austria e os Países Baixos, é moi grande. Tamén é relevante a fenda entre estados grandes (Alemaña, Francia, Italia e o Estado español) e medianos e pequenos canto á necesaria integración de todas as diplomacias e exército europeos en ferramentas públicas comúns.

Estes días de pandemia amosan tamén tres reptos fundamentais da nosa Europa son a reindustrialización, a aposta tecnolóxica e máis a autonomía alimentaria. Canto á reindustrialización, semella evidente que non podemos estar pendentes de complexas cadeas de distribución a respecto de producións industriais para as que somos (quizais só polo de agora ) perfectamente eficientes en capacidades humanas e técnicas.

No que atinxe á intensificación tecnolóxica europea, repenico a opinión recentísimamente publicada polo economista galego Marcelino F. Mallo. A Internet das cousas, os big data e a intelixencia artificial, os blockchain haberían multiplicar as posibilidades da telemedicina, mesmo en poucos meses. Unha telemedicina que está a ficar á marxe desta crise sanitaria europea.

Para rematar, cómpre posibilitar a autonomía alimentaria. Europa precisa do pulo á produción e consumo alimentario de proximidade para garantir a subministración local de alimentos, afortalar a economía local e non depender de fráxiles equilibrios loxísticos. 

 Ou a UE reaxe ou de vagariño deixará de existir, como deixou de existir o Imperio romano.

Te puede interesar