Opinión

Vacinas seguras para tod@s

As ferramentas que se están a empregar fronte á pandemia alicérzanse na prevención (distancia interpersoal, uso xeralizado das máscaras, pulo ao teletraballo, control de aforamentos nos establecementos públicos e mesmo restricións xerais á mobilidade das persoas) e e no vacinamento xeral. As ferramentas de prevención restritiva reducen substancialmente a actividade económica, constituíndo o vacinamento xeral a fórmula acaída para acadarmos a inmunidade de grupo que permita o progresivo afrouxamento das medidas restritivas para lle dar pulo á recuperación económica. 

O problema é que o vacinamento, para seren eficiente, require a súa xeral disposición no nível mundial. Que EEUU ou o Reino Unido (axiña) ou a UE (nuns 5-6 meses) acaden a inmunidade de grupo non resolve o problema para a poboación dos países en vías de desenvolvemento, mais tampouco para a propia poboación europea, norteamericana ou británica. Semella que as vacinas de hoxendía actúan de xeito eficaz contra o virus británico, mais as dúbidas son substanciais a respecto das variacións brasileira ou surafricana. Con centos de millóns de persoas na América Latina, Asia ou Africa sen vacinar, unha destas variacións podería espallarse á nosa Europa a fins deste ano ou primeiros do vindeiro, obrigando quizais a unha nova campaña de vacinamento. No eido da economía as resultas poderían ser brutais.

Xa que logo, vacinar a todo o “mundo mundial” non é só unha esixencia ética ou humanista. É unha cuestión de puro egoísmo. Velaí que haxa que ter en conta o pedimento de 99 Estados (coa India e Suráfrica á fronte) á Organización Mundial do Comercio (OMC) de suspender o exercicio dos dereitos de propiedade industrial (patentes) da industria farmacéutica en canto remaneza presente a pandemia. Médicos Sen Fronteiras (MSF) lembra que o estrangulamento está na fabricación, tese abertamente contraria á da Comisión Europea, que pon o foco en cuestións loxísticas que tampouco poden ser esquecidas. A cuestión é complexa, mais cómpre lembrar que hoxe a suspensión de patentes só é rexeitada pola UE, EEUU, Xapón, Australia, Canadá e Suiza.

A outra cuestión é a seguranza das vacinas. A Axencia Europea do Medicamento ven de dicir, con xeito, que en liñas xerais os casos moi graves de efectos negativos da vacina AstraZeneca (seica uns catro por millón) non xustifican ningunha restrición ao seu uso. Restrición que, en troques, si que teñen imposto algúns Gobernos estatais e autonómicos europeos.

Porén, nunha democracia as vacinas non se xustifican só polo seu efecto positivo xeral, mais tamén pola presenza deste efecto en grupos concretos de persoas, por idade e características clínicas. Se esta cativa incidencia, en termos xerais, dos efectos negativos da vacina AstraZeneca convértese nunha incidencia moito máis salientábel nun colectivo concreto como o das mulleres entre 25 e 45 anos ( de primeiras relativamente alleo ás peores evolucións da covid-19) a cidadanía ten dereito a coñecer o seu perfil de risco e decidir usando dunha información canto máis cumprida.

Vacinas si. Máis vacinas para tod@s e vacinas seguras en cada sector de idade e características clínicas.

Te puede interesar