Opinión

Artimañas de pillabáns

“Não sabia por caminho tomar

Mas o vento soprava forte, varria para um lado,

E segui o caminho para onde o vento me soprava nas costas”. (Poemas inconjuntos, Alberto Caeiro).



O Dicionario da Academia Galega define ao pillabán coma “aquel que actúa con astucia e malicia”. Acontece que, ao fronte do goberno do Estado, campa un deses, un pillabán, que unhas veces porfía para defender o indefendible, e outras actúa talmente coma un zamurgo que agocha as súas intencións, mentres fai soprar o vento para onde lle convén.

A propósito da caprichosa reforma da lei electoral que pretende o señor Rajoy –e que tanto afouta ao señor Feijoo- para acoplar a elección dos alcaldes á súa comenencia, resulta que os próceres da Unión Europea non bendicen as artimañas destes paladíns da democracia, para mudar as regras de xogo, sen o consenso dos implicados, cando está a piques de celebrarse un proceso electoral. Resulta que os reis da transparencia esquécense de explicarnos que, case 9 de cada 10 concellos, teñen un alcalde con maioría absoluta na corporación e, no 90 por cento das cidades, goberna a lista máis votada, aplicando o sistema que pretenden tumbar. Resulta, en fin, que os xerifaltes do PP, posuídos de súpeto por unha incurable febre democrática, atragoaríanse sen remedio se tivesen que engulir o xarope de someter á elección da militancia de base os candidatos do seu partido.

Malia este déficit democrático que acaba de detectar o noso insigne presidente, resulta que ninguén demanda tal reforma, agás aqueles que -agora si- ven perigar a maioría absoluta que os sustiña e -agora coma sempre- saben que a cousa vai estar fodida porque ninguén está disposto a pactar con eles. Resulta que o señor Feijoo non quere que o seu partido teña alcalde onde non gañe. Mais o pillabán debería explicarnos que a zorra non apaña as uvas, non por non lle apeteceren, senón porque seica están verdes. Vaia!, algo debe ter o PP para que ninguén queira tratos poselectorais con eles.

Resulta que, no Estado español, o presidente do Goberno, os presidentes autonómicos, os presidentes das deputacións, os presidentes dos consorcios, os presidentes das mancomunidades, son –e seguirán sendo- elixidos mediante votación dos representantes que decidiron, co seu voto, os cidadáns e –ata agora- a eleccións dos alcaldes tamén era cousa dos concelleiros, que gozaban desa atribución.

Ah! O iluso do meu tío Lisardo coida que deberiamos aproveitar a euforia de Rajoy pola rexeneración democrática e animalo a que, mentres o carneiro perde o tempo mirando cara a ovella, mude tamén o que haxa que mudar, para elixir directamente ao xefe do Estado. Iso si, se fose posible, sen discriminar aos candidatos por razóns de sexo ou da cor da sangue.

Te puede interesar