Opinión

Como é coas deputacións?

Sabemos bem que toda a obra tem que ser imperfeita, e que a menos segura das nossas contemplações estéticas será a de aquilo que escrevemos”. (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).

A día de hoxe xa están constituídas case tódalas deputacións provinciais do mapa, cada vez máis consolidadas, malia esa estéril prédica que lucimos algúns, teimando en que non son necesarias. É evidente que, se os madrileños, os asturianos, os navarros e outros poden vivir sen elas, malo será que os galegos non notemos unha melloría na nosa estrutura político-administrativa, se chegan a faltarnos. 

Iso si, canto máis porfiamos os abolicionistas no seu carácter superfluo, máis gurran os nacionalistas españois (PP-PSOE-Cs-UP-Vox) para amalloar a súa continuidade, ao servizo da recentralización incesante, argumentando que cómpren para garantirlle a prestación de servizos á veciñanza nos concellos máis pequenos. Ese era un dos argumentos do  goberno do Estado cando modificou a lei reguladora das bases de réxime local, a través daquela chanfaina política que Montoro non tivo reparo en denominar Lei de racionalización e sostibilidade da administración local. 

O artigo 31.2 da lei 7/1985 establece con nitidez que os fins das deputacións consisten en garantir os principios de solidariedade e equilibrio intermunicipais. E o artigo 36 enfía as súas competencias cara o apoio aos concellos máis pequenos e menos capaces. Por tanto, alguén debería explicarnos como nas corporacións provinciais pesan tanto os deputados procedentes dos concellos urbanos. Ou, como pode ser que unha parte significativa dos seus recursos se gasten en servizos –ás veces en flagrante duplicidade– que por lei deberían financiar os recursos das cidades. Non como non é así, para que están entón os órganos de control do gasto?

Amais, non deixa de ser un paradoxo que case a totalidade dos seus ingresos nazan da participación nos tributos do Estado, completados por outros que, directa ou indirectamente, proceden dos propios concellos. E iso para que todos acaben unhas veces deturpados e sempre desplumados por unha avariciosa maquía, cando podían chegar aos concellos sen ningún intermediario. 

Ah! O meu tío Lisardo opina que, sen renunciar a unha estrutura político-administrativa máis galega, os partidarios da supresión das deputacións talvez deberiamos abrir un debate sobre a reforma que reformule o actual sistema de elección dos deputados, o sistema de financiamento e as competencias, entroncadas na necesaria reforma do Estatuto de Autonomía. Pois, ante aquilo que é inevitábel malia ser enfermizo, o menos que podemos facer é procurar que non doia tanto. 

Te puede interesar