Opinión

As doenzas dos concellos galegos. A autonomía local

“E o Marcelino non dí nada, está coma aparvado. Hai un silencio. E no silencio coma un arrastre, coma unha fouce que pasa segando” (Fins do mundo, Bernardino Graña).

En canto pase o 28 de abril, as Cortes do Estado deberían retomar o debate territorial, adiado dende hai tempo e endemoñado polos partidos sistémicos, por mor do Procès catalán. Obviamente, nesa inaprazábel discusión non pode ser convidada de pedra a administración local. E o Parlamento galego, se quixera tomar en serio ese recente acordo de reclamar novas transferencias, xa tarda en pór na lista a competencia no ámbito local, para poder reordenar integramente as súas estruturas político-administrativas e repensar o elenco competencial dos municipios galegos.

Mais, como todo isto é cousa de tartarugas e estas camiñan devagar, transitoriamente hai que darse présa en que os concellos poidan exercer acaidamente as competencias que actualmente figuran nas leis, para que a veciñanza sexa quen de exercer o dereito a gozar duns servizos básicos de calidade. Para iso cumpriría que recuperasen o mínimo grao de autonomía, que lle foi lapidado pola administración do Estado coa conivencia, no noso caso, da Xunta de Galicia.

O artigo 135 da Constitución, que PSOE e PP nos empurraron aquel fatídico 26 de setembro de 2011, valeulle aos gobernos do Estado para minguar aínda máis a cativa capacidade de manobra que tiñan os concellos, ninguneando aqueloutro precepto do mesmo texto constitucional –o artigo 140– que, alomenos teoricamente, recoñecía a autonomía municipal. E, de paso, o tándem PP-PSOE trocou en papel mollado os artigos 2 e 4 da Carta Europea de Autonomía Local, ratificada polo goberno español no ano 1988. A Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, filla bastarda do citado artigo 135, converteu definitivamente aos concellos en entes menores de idade, someténdoos á patria potestade da elite funcionarial do Ministerio de Hacienda (Estado) e da Consejería de Hacienda (Comunidade Autónoma), ao tempo que se ía consagrando un revirado principio neoliberal –o do autofinanciamento dos servizos básicos– creado expresamente para minguarlle calidade e desposuílos do seu carácter universal, a fin abrirlle a porta carral –coa inestimábel axuda das deputacións– ao negocio da empresa privada. 

Ah! O meu tío Lisardo opina que, como o PP e PSOE o levan no sangue e amais téñenlle un medo infernal a C´s e Vox, deberían ser os partidos “periféricos” os encargados de esixirlle ao novo goberno que dote aos concellos, cando menos, dunha autonomía semellante á que tiñan antes do 2011. (Continuará).

Te puede interesar