Opinión

Galicia e a orde natural das cousas

“Sempre pensei que as coisas pudessem correr mal mas não tão depressa, mas não daquela forma.” (A ordem natural das coisas, António Lobo Antunes)

O cálculo aritmético cos sumandos actuais non dá a suma necesaria. Mais a política non é álxebra, é mecánica cuántica, e iso é outra historia. Na política, e na actual máis, sempre reina un certo caos e a orde dos factores si altera o produto. Por iso, as forzas propias das nacións históricas do Estado necesitan sumar acaidamente, para seren garantes dos dereitos políticos e sociais conquistados e devolverlle a ilusión á xente, para frear en seco esa chularía desbocada e recentralizadora do triángulo obtuso (PP-C´s-Vox) –Feijoo incluído–, que PSOE e Podemos devecen por imitar, co carca Abel Caballero e co sucursalista Gomez-Reino de paladíns. 
Tal e como nolo conta a derradeira enquisa do CIS, un 22,4 por cento dos galegos seica se senten máis galegos ca españois, o 65 e pico por cento afirman ser tan galegos coma españois, e máis do 60 por cento decláranse de esquerdas. Isto non é novo, xa hai anos que o sabemos, pero as forzas galeguistas e nacionalistas do noso País están tardando en interpretalo correctamente, en decatarse de que, se actuaran conxuntamente, poderían liderar o cambio necesario. Iso si, se non o fan axiña, a ola de xeada que alimentan cada día os amos do tempo acabará arrasando con todo.

Por iso, no contexto actual, e no que se aveciña, a proposta de Arnaldo Otegui, de que os partidos nacionalistas concorran xuntos ás eleccións europeas e xerais, non só é atinada senón que é o único xeito de recuperar a orde natural das cousas. Que, no caso galego, BNG, En Marea, CxG e galeguistas sen afiliación descubran o Blablacar e viaxen no mesmo vehículo, con outros nacionalistas do Estado, é condición sine qua non, para comprender que a solución está en sumar antes, para multiplicar despois.
Ah! O meu tío Lisardo pensa que, se polo contrario, as forzas propias galegas se empeñan en seguir restando e dividindo, no canto de sumar, entre elas e con aqueloutras semellantes, que operan en Euskadi, Catalunya e mesmo no País Valencià, o proceso recentralizador irá en aumento o os dereitos sociais non só deixarán de medrar como deberían, senón que minguarán de xeito irreparábel.  

Te puede interesar