Opinión

No aniversario de San Rosendo

Fachada principal del monasterio de San Rosendo, en Celanova.
photo_camera Fachada principal del monasterio de San Rosendo, en Celanova.

Por estas datas sempre acostuma visitar a miña memoria San Rosendo, e este ano con máis razón. Primeiro porque o 26 de novembro, véspera dos santos Facundo e Primitivo, é o aniversario de Rudesindo Gutérrez; un santo aristócrata, fillo dos magnates, o conde Gutier Méndez e a condesa Ilduara Eriz, da máis alta prosapia galega, neto do campión Hermenexildo que foi militer magister dos exércitos reais de Afonso III e conquistador de Coimbra no 878, primo carnal de Ramiro II por casamento da súa tía paterna Elvira con Ordoño II, que estivo en Celanova no 942 consagrando a fundación cos príncipes Sancho e Ordoño. E vexo cos ollos da memoria, este mesmo día, Xosé Cid e Anxo, paseando felices pola praza maior, á espera de entrar na misa de oito, mentres as pombas se acomodan nas repisas da fachada da igrexa abacial.

Pero é que, ademais, tiven a sorte de ser convidado hai unha semana á presentación da magnífica obra de dúas periodistas novas (Laura F. Espinosa e Mónica V. Lopo): “El Camino de Santiago por las tierras de Rosendo”; un precioso e preciso traballo sobre este itinerario histórico que seguindo a traza da Vía Nova romana nos levará dende Braga ata Ourense, as vellas capitais suevas, e logo xa, polo camiño mozárabe, a Compostela. Unha magnífica obra editada pola Deputación provincial onde, logo de moitas horas de viaxe e dun minucioso traballo, as autoras van falando do personaxe, de historia e arte, de xeografía e paisaxe, dos interesantes lugares por onde se pasa; todo magnificamente ilustrado e acompañado dunha detallada cartografía; todo tan ben presentado que a un xa lle dan ganas de coller o libro e o caxato e botarse a mochila ás costas. Agora se propón acertadamente que este camiño comece en Santo Tirso, patria de San Rosendo, onde parece van colocar a placa do “quilómetro cero”.

Santo Tirso... claro. Todo comezou alí, hai máis de mil anos, nesta gran vila sita nas ribeiras frescas e recendentes que baixan, ateigadas de hortas e bacelos, ata o río Ave, un lugar privilexiado entre as cidades de Porto e Braga. Aló fun eu tamén, no mes de setembro de 1990, hai xa trinta e dous anos, procurar o berce de Rosendo Gutérrez, o personaxe máis respectado do século X no vello reino cristián de Gallaecia. Daquela aínda se discutía deste lado da fronteira sobre cal sería realmente o lugar de nacemento do santo fundador: que se Salas en Asturias de onde sería orixinaria a familia da súa nai; que se a Cela de Lobios a carón do río Salas concordantes os topónimos; que se a vila de Araúxo que tal defendía o historiador Benito Fernández Alonso... O que atopei deixoume pasmado, porque alí, en Portugal, en Santo Tirso, todo o mundo sabía de San Rosendo. “Un tirsense na gloria”, dicían oufanos. Alí estaba, tal e como nos contara o biógrafo medieval Ordoño, o seu berce, a pía bautismal na igrexa de San Miguel do Couto, o mosteiro de San Salvador no Monte Córdoba onde subía esforzadamente nai Ilduara. Tanto sabían os portugueses do “meu” santo que aquela inesquecible xornada rematei, logo de estar na súa impoñente quinta, no chalé de Eurico de Melo, dun home que o sabía todo de San Rosendo, que estivera en Oviedo, en León, en Santiago, en Celanova... seguindo fielmente os seus pasos. E eu alucinei, alucinaba escoitándoo falar con tanta paixón do santo que fundara a miña vila galega. E aínda abraiei máis cando o dono da pensión me dixo, morto de risa ao ver a miña cara de estupefacción, que o home con quen estivera falando ata altas horas da madrugada era o ministro de defensa de Portugal, pois el nada me dixera.

Hoxe, felizmente, mudaron moito as cousas, porque a miña “aventura” foi publicada en 1992 no número 9 da Trabe de Ouro, a revista de Méndez Ferrín, e, deseguido, aquel mesmo ano, os concellos de Celanova e Santo Tirso asinaban un acordo de irmandade que se anova todos os anos e do que este se celebrou o seu trinta aniversario. E eu, para referendar o meu compromiso co personaxe e a historia, promovín no 2007 dende a Xunta de Galicia e co apoio do Ministerio de Medio Ambiente o “Camiño Natural de San Rosendo”, quedando executado o tramo entre a fronteira da Portela do Home en Lobios e a cidade de Ourense. E agora temos a Asociación de Amigos do Camiño de San Rosendo e da Raíña Santa, co claro obxectivo de darlle o empurrón final a este engaiolante proxecto de reivindicación dun camiño histórico que nos afunde nos alicerces da época máis frutífera e gloriosa de Galicia: a de Xelmírez, o románico e o Mestre Mateo.

Te puede interesar