Opinión

A reserva da biosfera da Baixa Limia

Parece que algo se move polas terras do partido xudicial de Bande (así era como outrora entendía o pobo a división territorial). Polo visto celebrouse un foro na vila de Bandua, capital dos querquennos, organizado por La Región e a Deputación Provincial. Falouse alí do desenvolvemento rural e das potencialidades dunha terra que, ao meu modesto entender, teno todo. E tamén montaron alí o mercado do parque natural e da reserva da biosfera do Xurés, para promover a venda dos produtos endóxenos da comarca. Ben está. Seica varios dos prestixiosos poñentes que ata alí se achegaron aportaron novedosas visións que ilusionaron aos presentes, estratexias para reflotar un territorio que, segundo as estatísticas, está condenado inexorablemente á extinción: concellos con máis da metade do censo no exterior, concellos onde a terceira parte dos habitantes ten máis de 65 anos, concellos que nos últimos dez anos perderon preto do vinte por cento da súa poboación, aldeas sen xente....

O gran éxito do Parque Natural do Xurés foi cando, na década dos noventa, conseguimos unha importante provisión de fondos do programa europeo Interreg II para crear emprego e facer obras de todo tipo nas aldeas. Agora, dicía en Bande Xosé Lago, que foi subdirector xeral de conservación da natureza da Xunta, controla o Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza dende a Agrupación Europea de Cooperación territorial, e por iso sabe do que fala, as cousas van lentas, quizais demasiado lentas, porque os fondos europeos son cada vez menos e cada ano que pasa somos máis a repartir, e por iso no hai máis remedio que andar finos e rápidos. 

Todas estas cousas das demoras, dúbidas, indefinicións, falla de axilidade nas relacións cos nosos veciños do outro lado da raia, prodúcenme un fondo desacougo, porque conseguir que a Unesco declarara eiquí a primeira Reserva Internacional da Biosfera da península ibérica non foi nada doado. Anos de traballo e dedicación nos que tivemos que despregar grandes doses de paciencia e diplomacia para convencer aos gobernos de Madrid e Lisboa da bondade da nosa idea, e logo defender o proxecto en París apoiado nun completo e documentando dosier. E, como as cousas pasan e logo ninguén lembra nin agradece nada, quixera deixar constancia de dúas persoas que foron fundamentais en todo este proceso: Antonio Serrano, daquela secretario de estado de medio ambiente, e Humberto Rosa, o seu homólogo portugués; e por suposto os daquela alcaldes galegos de Lobios, Entrimo, Muíños, Lobeira, Bande e Calvos de Randín, porque, cando lles pedimos o seu apoio, dérono ateigados de ilusión. 

Esperemos logo que despois de tanto traballo, de tantas declaracións e títulos, os responsables das políticas de hoxe, tanto no Estado como na Xunta, sexan quen de aproveitar o froito dos nosos esforzos, que non só se traballou a prol da paisaxe, da flora ou da fauna, por moi relevantes e rechamantes que sexan, senón sobre todo por e para as persoas, para unha xente que hoxe devece por unha oportunidade que lles permita seguir habitando os seus lugares de orixe con dignidade e calidade de vida; e se algúns non o entenden así é que nunca entenderon nada.

Te puede interesar