Opinión

Concentración parcelaria: fin dun modelo

Amediados do século pasado irrompe en Galicia a concentración parcelaria tentando modificar as estruturas fragmentadas das explotacións agrarias. Logrouse mellorar o parcelario en distintas comarcas agrarias que, de outro xeito, terían unha viabilidade máis que comprometida. Pero escasamente temos concentradas 350.000 ha dun total de tres millóns tras décadas movendo marcos, en procesos longos, lentos e custosos.

Logo de varios cambios normativos, pero mantendo o modelo inicial, transfórmase o tamaño das parcelas, pero sen incidencia real no tamaño das explotacións. Faise concentración para propietarios, non para agricultores. O resultado é que, nunha zona con 25.000 parcelas pasamos a 2.500 novas fincas. Non está mal, pero cunha grande porcentaxe de propietarios ausentes ou absentistas, o futuro da zona volve a ser sombrío, quedando as propiedades “a monte” máis pronto que tarde.

Este modelo foi deseñado cunha poboación activa agraria do 60% pero hoxe escasamente contamos cun 6%, e non parece que vaia reverterse a situación a curto ou medio prazo. Polo tanto, na miña opinión,  un modelo que foi útil no seu tempo está practicamente esgotado cando, ademais, os fondos públicos son os que son.

O borrador da Lei de Reforma das Estruturas elaborado en 2008 camiñaba noutra dirección, pero non chegou a entrar no Parlamento co cambio de goberno. Contemplaba un contundente cambio normativo para orientar a modificación das estruturas agrarias cara a modelos asociativos (Polígonos de Asociación na superficie agraria, e Unidades de Xestión Forestal no monte). Os titulares serían propietarios das cotas de participación na sociedade proporcionais ao que aportaron en terras, en vez de centos de cachos que hoxe nin sequera son capaces de atopar, e o potencial agrario deste país podería acadar a súa máxima expresión. 

Considero que deben priorizarse os fondos públicos cara este tipo de modelos, e formar e dotar de persoal técnico e dinamizador para desenvolvemento dos mesmos, xa que isto non se vai producir espontaneamente sen o impulso e apoio decidido das Administracións Públicas. Cónstame que José González, re-confirmado conselleiro do Medio Rural, comparte esta visión. Pois veña. Non se fale máis.

Te puede interesar