Opinión

Condenados a vivir nun museo

No casco histórico de Seixalbo temos medio mega de velocidade en internet. “Low speed” que diría mrs.Theresa May de Downing Street; “unha carallada”, que diría a señora Pilar do Cabildo.

Entrementres, o “Quen cho dixo” insinúa que temos que esperar ata a seguinte Corporación para acceder á fibra óptica.
En Seixalbo comezou a substitución do candíl pola lámpara de Edison en 1931, tres décadas e media máis tarde que na cidade. En 1914 inaugurouse a liña telefónica en Ourense, e cincuenta anos máis tarde chegou o primeiro teléfono a Seixalbo. Na primeira década deste século, o Grupo Gallego de Empresas para el Cable (rebautizado “R”) comeza o despregamento da fibra óptica na cidade e, continuando coa tradición, cun pouco de sorte teremos fibra “en los locos años veinte”.
Non pasa nada. Seguiremos chamando ao teléfono ese de “si desea hablar con una operadora, marque el tres” onde nos atenderá indefectiblemente unha desas amables voces transcontinentais.

-Mire, señora, teño contratado 15 megas e non chego a medio mega; estou a piques de sufrir un ataque de ansiedade.
-Ya, ya. Ya le he dicho la semana pasada que la culpa es del cobre. De todas formas está en proyecto instalar la fibra óptica, y verá como mejora. Está pendiente de unos permisos. Llame usted al ayuntamiento.

Sei de boa tinta que os técnicos municipais traballan arreo para que isto sexa unha realidade. Pero chamas ao concello, e a culpa é de telefónica. Chamas a telefónica e a culpa é do concello “solo dos ciudades en España nos han puesto tantas exigencias para el despliegue: Vitoria y Seixalbo” [sic]. Chamas ao alcalde, e a cousa está “a punto de caramelo” e chamas a oposición e din que a cousa vai para meses. En fin. Non podo crer que Seixalbo non poida saír da caverna dixital na que estamos metidos por que seica faltan vinte mil euros. Simplemente, non o creo.

Somos unha vila fermosa porque así a herdamos do pasado, tamén polas cautelas que establece ser un núcleo etnográfico protexido. Estamos de acordo co soterramento de todo o cableado como indica o Plan Especial de Seixalbo, a pesares do sufrimento que soportaremos coas rúas levantadas, pero isto parece que vai para lonxe.
Mentres tanto, queremos que retiren eses anticuados cables de cobre e as antiestéticas caixas de plástico, e as substitúan polo moderno cable de fibra e unhas caixas máis acordes coa contorna. E se o problema é político, fagan o favor de poñerse de acordo. Queremos vivir nunha vila fermosa, pero non nun museo. E veñan vernos cando queiran, claro.

Te puede interesar