Opinión

Defuntos sen flores

Está a caer unha tan grande que ninguén a esperaba. En marzo, confinamento xeral, unha medida que nunca antes tiñamos padecido nin pensado que puidera ocorrer. Estamos tan acostumados a facer o que nos peta que as mensaxes de aviso semella que van dirixidas ao resto, nunca a nós. Levabamos anos falando da famosa “burbulla inmobiliaria” coma unha entelequia, ata que nos estoupou na cara. Agora aparece un virus, máis pequeno cun garavanzo, e estraga todo. A globalización estende todo, as veces uniformiza en demasía, pasa coma unha apisoadora por riba de culturas, de linguas, de paisaxes, de xeitos de vivir, creando unha uniformidade cansina: o pensamento global.

Nas principais rúas de vilas e cidades a duras penas subsisten os comercios familiares, que son substituídos por franquías ou grandes marcas omnipresentes. Da igual pasear pola rúa Preciados de Madrid, a rue de Rivoli de París, a Oxford Street da city ou a rúa do Paseo de Ourense. Os escaparates son os mesmos, as marcas son as mesmas e ata as persoas que nos atenden visten igual e parecen cortadas por idéntico patrón. Nas tendas pasamos de ser Moncho, Chus ou un educado don Venancio para ser simplemente “señora” ou “caballero”.

Concentran a oferta en grandes superficies no extrarradio, e alí imos a encher inmensos carros do que nos fai falta (ou non) mentres cada semana, no noso barrio, baixa unha persiana para non subir nunca máis. Ese paseo de escaparates, ese saúdo veciñal, ese café de terraza, ese xantar no restaurante, convértese nun impersoal deambular entre estantes e estanterías, nun percorrido quilométrico perfectamente deseñado, e nun bocado rápido nun food truck.

Por primeira vez en décadas, ata os nosos defuntos quedaron sen flores. Esa tradición tan arraigada fai que, unha vez ao ano, fagamos limpeza do camposanto que senón estaría caendo a cachos como o resto do rural. Pero tamén é chave para centos de familias que teñen como medio de subsistencia o cultivo de flores, a elaboración de ramos ou a comercialización destes ornamentos. Xa perderon a campaña de primavera e, perdida a de Defuntos, algúns terán que baixar a persiana para sempre. Agora máis que nunca, ou pensamos e actuamos en favor do mercado de proximidade, ou ata quedaremos sen flores en Defuntos. Pensa global, pero actúa local.

Te puede interesar