Opinión

A democratización da viticultura

Abro a botella de Pazo Baión para ver se pagou a pena aquel esforzo colectivo de hai dez anos, cando os cooperativistas de Conde de Albarei deciden mercar a emblemática adega e as súas trinta hectáreas de viñedo en Vilanova de Arousa.

É ben sabido que nunca unha leira ou un tractor se comprou en Galicia sen o visto e prace da muller da casa. As decisións nas explotacións agrarias de Galicia tomáronse, desde sempre, no consello familiar.

Ben sabían desta realidade na dirección desta empresa que nacera vinte anos antes para dar saída a aquelas primeiras plantacións de albariño no val do Salnés. A decisión era de tal calado que na asemblea non se convocou exclusivamente aos socios. A convocatoria fíxose extensiva ao consello familiar: aos socios e as súas esposas, e ás socias e aos seus maridos. Ninguén quería tirarse á piscina sen auga, non había lugar para a improvisación. Por iso que as contas estaban calculadas e recalculadas.

Pero na iniciativa empresarial, as previsións de futuro sempre son impredecibles. E ninguén sabía que na banca ía pasar o que pasou, que a burbulla ía estourar, e que nos veríamos inmersos nunha crise de proporcións bíblicas.

Estas decisións que nunha sociedade anónima toma con maior ou menor fortuna un consello de administración nun despacho de Wall Street, nunha sociedade cooperativa como esta habería que tomala nunha asemblea en Cambados, polos socios e as súas mulleres; polas socias e os seus homes. A democratización da viticultura, que diría Xabier Zas, o seu xerente. 

As terras, que no seu día pertenceron á igrexa e a nobreza, pasaron logo a mans de grandes fortunas e, posteriormente, a mans de pequenos viticultores que hai anos tiveron un soño e foron quen de asociarse para facelo realidade. O esforzo colectivo que sempre foi sinal do rural deste noso país.

Observo a elegante botella, e venme á cabeza Suárez Canal, aquel conselleiro que seguía atentamente os acontecementos, coa esperanza de que fora capital galego o que se fixera co emblemático proxecto fronte a outros pretendentes de fora parte, que haber, había.  E lembro ao seu equipo, que respiraba feliz ao coñecer o resultado da poxa, como se formara parte dese soño colectivo.

Pasaron dez anos, e ao destapar a botella gozo dun grande viño, de pedra, de uva, do esforzo de moitos homes e mulleres que un día tiveron un soño. Non sei cantos Xabier, Guillermo ou Dolores había naquela reunión. Pero está claro que había os suficientes. E os necesarios.

Te puede interesar