Opinión

Guitián: pintor de brocha gorda

A viaxe do Carballiño a Ourense era iso: unha viaxe. Tardabamos corenta minutos en coche, había que tomar unha biodramina ao saír, e na curva da ferradura, despois de Listanco, xa estabamos todos mareados e preguntando canto faltaba para chegar. Aínda así, chegabamos vinte minutos antes que o Auto Industrial, que facía trinta paradas regulares e tres ou catro discrecionais.

Eu era un chaval inquieto, curioso e algo badulaque. Como todos, supoño. Para mantérmonos entretidos, meu pai, naquel Austin verde con volante a dereita, ía preguntando: “Que pobo ven agora?” E nós, tratando de acertar: Dacón, Maside, Listanco, Pungín, Barbantes, Santa Cruz, Untes, Quintela… levando unha grande satisfación cando o letreiro da estrada coincidía coa nosa aseveración.

Punxín!, corrixía meu pai, cáseque inconscientemente. A mín causábame certo desasosego ter acertado ao predecir Pungín e ser corrixido polo meu pai co contundente “Punxín”, sobre todo cando ao chegar á parroquia do San Wintila, o letreiro estaba claro: PUNGIN.

“Papá, aí pon PUN-GIN, non PUN-XIN”, retrucaba eu vehementemente. Meu pai razoaba a contradición léxico-fonética dicindo que “seica os que mandan poñer os letreiros son uns enxeñeiros de obras públicas que veñen de Madrid, que aquí seica non hai, e que traducen a toponimia daquela maneira”

O caso e que, nunha das viaxes, pintado con brocha gorda, un “X” ben grande corrixía o desleixo do enxeñeiro “castellano”. Polo que se ve, meu pai debeu chamar a Obras Públicas advertíndolle do erro, pensaba eu. Daquela, eu pensaba que todos os problemas os resolvía meu pai. Ou miña nai, que tamén era espelida e topaba arranxo para todo.

Pero na seguinte viaxe, aparecía outra vez o chirriante PUNGIN, que ata parece que fai dano á vista, e xa non digamos ao oído. E na volta, a brocha gorda corrixía a PUNXIN. O conto de nunca acabar, pensaba eu. Xa tiñamos Rei en vez de Generalísimo, e seguía alternando o letreiro oficial co letreiro corrixido.

Anos despois, xa mozo militante do Partido Socialista Galego, en campaña electoral, tócame pegar carteis cun “señor maior” chamado Carlos Guitián. Pegamos cartel aquí, cartel alá… e chegamos a PUNGIN. Parou o coche, abriu o maleteiro, destapou o bote, colleu a brocha gorda e plantou un “X” ben grande por riba do “G” con pasmosa habilidade. Quedei impactado. Resulta que o corrector do enxeñeiro “castellano” non fora unha chamada do meu pai a Obras Públicas, que nunca se produciu. Era un señor maior, médico de profesión, que pola mañá traballaba no Hospital, pola tarde pegaba carteis e entre lusco e fusco corrixía eses horripilantes carteis que ata parece que fan dano á vista, e xa non digamos ao oído. Por iso sempre leva pintura no maleteiro. E unha brocha gorda. 

Te puede interesar