Opinión

Hai un banco de terras?

Os datos non deixan de ser preocupantes. Hai uns anos falabamos dun Ribeiro con 3.000 hectáreas e máis de 6.000 explotacións, e nesta campaña 2020 non chegamos ás 1.400 ha e escasamente 1.700 viticultores. Tampouco pinta nada ben noutros sectores agrícolas e gandeiros que levan un camiño semellante.

A redución do número de explotacións é un proceso “normal” nas sociedades occidentais. Os sectores primarios modernízanse, tecnifícanse e derivan man de obra para o sector secundario ou terciario. Os ratios de poboación activa agraria eran do 60% a mediados do século pasado a hoxe non chegan ao 10%. O problema é que esta modernidade estrutural que se produce nos países “avanzados”, no caso galego ten unha compoñente preocupante. Non derivamos man de obra para o sector industrial, para o comercio ou para o sector servizos. Derivámola para o estranxeiro, outra vez para unha forzada emigración.

A xuventude mellor preparada que tivo nunca este país, logo dun esforzo económico das familias, dun esforzo económico das administracións públicas e, principalmente, un esforzo intelectual dos mozos e mozas que rematan os seus estudos, colle a maleta e vai aplicar o seu coñecemento e a súa forza profesional e laboral a outros países, por que non atopa aquí posibilidades laborais. Algún día exportamos brazos fortes e traballadores. Hoxe exportamos cerebros.

O caso é que nos países avanzados, tamén se reduce o número de explotacións agrarias, pero a base territorial das que se desaparecen intégrase nas explotacións que perviven, que aumentan de tamaño. Mantense a superficie agraria útil (SAU) por que ningún país pode deixar a produción de alimentos en mans de terceiros. Pero no caso galego, non é así. A explotación pecha e a SAU convértese en terra abandonada, que arde un ano si e outro tamén.

O Banco de Terras debería servir para aliviar este problema, poñendo a disposición das explotacións a SAU das que pecharon. Pero en dez anos de funcionamento, temos pouco máis de 5.000 ha dispoñibles. Tampouco podemos tardar un ano en tramitar un expediente de arrendamento. Quizais deberíamos retomar o modelo inicial da xestión do Banco a través dunha sociedade anónima pública para buscar axilidade e fuxir do engorroso procedemento administrativo. Algo non se está a facer ben. A lei contempla mecanismos para “convidar” a incorporar estes predios abandonados. Por certo, saben os propietarios absentistas que hai un Banco de Terras e como funciona? Non? Pois ao mellor habería que empezar por aí.

Te puede interesar