Opinión

Marchou o Álex

Quizais sexa unha ousadía que colla eu a pluma para falar de Alexandre Sánchez Vidal, co que tiven unha relación estritamente política pero que, en determinados momentos, afondaba algo máis, aínda que só fose esa chamada telefónica ou unha aperta sentida nos momentos de frustración. Que de todo houbo. Pero creo transmitir o que moita xente está a sentir nestes momentos de fonda tristeza.

Compartín militancia co Álex durante varios anos, e compartín escano no Concello de Ourense durante dous mandatos, non completos por diversos avatares. E coñecín aí un home de gran capacidade política. 

Un home con coñecemento, opinión, discurso e coherencia, que é o que eu sempre esixo a un Político con maiúsculas. Con discurso vehemente e contundente, pero sempre dentro do respecto máis absoluto á institución na que estaba, e ás persoas politicamente adversarias ou compañeiros e compañeiras de militancia cos que discrepaba, que deste tema, na esquerda, sabemos bastante.

Poderías estar de acordo con el, ou non. Pero a súa capacidade de análise e autoridade intelectual non entraba en discusión. Percibiamos en debates e circunloquios plenarios un grao de coñecemento e cultura que outros  quixeramos para nós mesmos, coa máis exquisita naturalidade. 

Como anécdota, lembro unha intervención miña nun pleno na que aludín a Galileo Galiei e a súa famosa expresión "e sen embargo, móvese", que inmediatamente amartillou cun contundente   "eppur si  muove" que espertou á corporación do sopor plenario.

O Álex tiña Ourense na cabeza e no corazón, e tiña unha visión da cidade que quería construír como motor dunha metrópole en decadencia, para a que se ofertou como timonel, o que nunca conseguiu a pesares de levar ao nacionalismo aos mellores resultados da nosa historia municipal, nunha etapa na que tiven a fortuna de compartir e aprender del. 

Aínda agora, nestes últimos tempos, quixo aportar a súa enerxía e o seu coñecemento para tentar recuperar ese vello soño da grande Auria, que se vería truncado polo pesadelo final.

O Álex, comprometido e nunca equidistante, sempre tomou posición, o que lle valeu grandes amigos e grandes adversarios, pero tamén o recoñecemento e respecto de amigos e adversarios, cousa que cada vez se estila menos. 

O Álex marchou, pero queda no noso recordo o seu sinal imperecedoiro. Que a terra che sexa leve, amigo !!!

Te puede interesar