Opinión

Ourense no solpor

A diferenza da crise iniciada en 2008, na que se optou auxiliar ao sector bancario para evitar o colapso do sistema (seica) e por unha austeridade paralizante, este "annushorribilis" a UE acordou, por fin,inxectar fondos no circuíto “social” coa creación do fondo NextGeneration EUdotado con 750.000 millóns de euros, dos que corresponderían 140.000 ao estado español. Supoño que, cando menos, a unha décima parte podemos acceder desde a periferia galaica. Aínda que quizais, sexa moito supoñer.

Xa en 2021 contaremos a nivel estatal con 10.000 millóns de euros das axudas para a recuperación e cohesión dos territorios europeos (REACT-EU Recovery Assistance for Cohesion and the Territories of Europe) que poderán destinarse a réximes de redución do tempo de traballo para manter o emprego, a educación e formación, en particular en capacidades dixitais, á mellora do acceso á asistencia social, á inxección de capital circulante nas pequenas e medianas empresas, o financiamento de proxectos ecolóxicos e mesmo apoio á cooperación transfronteiriza. Aquí dou por feito que o Estado reserva para Galicia mil millóns de euros, compensando en parte a redución orzamentaria estatal que vai sufrir a nosa comunidade neste vindeiro exercicio.

A xestión post-covid liderada polos dirixentes políticos, empresariais, sindicais e a implicación dos axentes económicos e sociais é unha oportunidade que non deberíamos desaproveitar

Ourense podería perder esta sorte de “plan Marshall” pola inseguridade xurídica de non ter un PXOM aprobado que impide captar inversores e investimentos, ouacceder a estes fondospara desenvolver, por exemplo, o Plan Estratéxico Termal aprobado por unanimidade no concello: esa gran área termal da ribeira do Miño, ese gran hotel balneario como proxecto motor dun termalismo “de verdade”, facer que a zona das Burgas e a súa contornarecuperen o seu esplendor, e comecen a levantarse esas persianas de comercios, cafeterías e restaurantes que foron pechando semana tras semana estes últimos tempos.

Pensemos tamén como metrópole. Temos empresas punteiras en tecnoloxía aeronáutica, no sector agroalimentario, cinco Denominacións de Orixe nun radio de cen quilómetros, referentes internacionais no mundo da moda e confección. Por que non retomar o gran Parque Empresarial do Val da Rabeda, e ofertar solo industrial a prezos competitivos, situado ao pe da autovía e do ferrocarril, a unha hora de Vigo, dúas de Oporto e tres de Madrid, coa maior autopista marítima de Europa e tres portos a tiro de pedra, e outros tantos aeroportos, que permitiría crear a plataforma de distribución on-line máis potente do sur de Galiza en Norte de Portugal, cun gran Centro loxístico neste espazo. 

A xestión post-covid liderada polos dirixentes políticos, empresariais, sindicais e a implicación dos axentes económicos e sociais é unha oportunidade que non deberíamos desaproveitar. Pero, visto o percal, non sei que che diga. Igual ten que ser a Próxima Xeración EU quen saque Ourense do solpor.

Te puede interesar