Opinión

Seixalbo: virus sen fibra

Teletrabajar desde casa es la mejor medida para no paralizar las empresas, evitar contagios y frenar la curva” ... es la mejor medida si no vives en Seixalbo, donde apenas tenemos un Mega por lo que es prácticamente imposible. En momentos de crisis, donde poder trabajar en casa y mantener el contacto con tu familia y con el mundo es de suma importancia, ¿qué hacemos los vecinos de Seixalbo? ¿Conformarnos? ¿Seguir siendo vecinos de segunda?»


Circula polas redes esta reflexión dunha vila fermosa, solidaria, agradecida pero tamén inconformista. Por que é imposible estar conforme cunha situación anacrónica que converte ao núcleo histórico de Seixalbo nun espazo dixitalmente troglodita no século das novas tecnoloxías.


Non é fácil que a fibra óptica chegue de xeito inmediato a todos os puntos do rural, pois os esforzos económicos son importantes, pero traballase nesa dirección paseniñamente. Pero, respecto da fibra óptica en Seixalbo, o quid da cuestión convértese en realidade nun quid pro quo, é dicir, sen nada a cambio por parte do concello, a custe practicamente cero, como se fixo nos arredores de Seixalbo e como se comezou a facer na propia vila hai case catro anos, cando a mala fortuna quixo que alguén pasara por alí e mandara baixar da escaleira ao instalador. «Se acabó la diversión, llegó el comandante y mandó a parar ...» que diría Carlos Puebla.


A data de hoxe, os “arredores” de Seixalbo dispoñen de TRESCENTOS MEGAS de velocidade, que é como chegar de aquí a Madrid en hora e media, mentres que na vila dispoñemos de UN MEGA, que é como chegar de aquí a Madrid en nove semanas e media, pero sen paixón.


“Pare usted y haga las cosas como Dios manda, presente un Plan de Despliegue y solicite licencia municipal si quiere instalar la fibra en Seixalbo» debéronlle dicir desde o concello á todopoderosa Telefónica, fartos de que levara dez quilómetros de cable instalados no casco vello de Ourense sen dar nin os “buenos días”.


O que sucedeu a continuación era previsible. Seixalbo, con escasamente mil almas, era un prato pouco apetecible, e alí está o cable enroscado desde hai catro anos na Rúa da Oliveira, mentres os papeis andan de arriba para abaixo na casa consistorial.


Chegou antes o coronavirus que a licenza municipal. A algúns recomendáronnos «teletraballar desde casa». Os colexios recomendan á chavalada actividades educativas vía internet. Pois vai ser que non. A menos que a pandemia dure nove semanas e media, Deus non o queira.

Te puede interesar