Opinión

As coherencias que nos definen

Hai xestos que é ben que se prodiguen máis, porque son manifestacións da credibilidade dos discursos políticos. E cando eses feitos se producen é de agradecer e son merecentes do aplauso e recoñecemento. Tal foi o caso que aconteceu na asemblea do BNG celebrada na Coruña. Cando finalizaba a sesión matutina e os congresistas se dispuñan a facer unha paradiña para xantar, desde a mesa congresual pedíuselles que nos restaurantes optasen polos produtos etiquetados en lingua galega.

O sucedido, con gran calado pedagóxico, ten a súa transcendencia, xa que trasladalles ás persoas a responsabilidade de asumiren un comportamento coherente cos principios que profesan. Só así, desde a asunción persoal do galeguismo en feitos cotiás poderemos transformar hábitos sociais impropios e alentar a autoestima dos galegos e galegas.

O Foro E. Peinador –Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (Irgade) quere agradecer a cantos secundaron a iniciativa con ese exercicio de coherencia.

Economía e lingua deben ir da man. Temos que ser solidarios con aquelas persoas emprendedoras que deron o paso arriscado de etiquetaren en galego as súas elaboracións ou que utilizan o noso idioma nas súas campañas de promoción e comunicación, colaborando no mantemento dos nosos valores identitarios.

A oferta de produtos etiquetados en lingua galega vénse incrementando significativamente dun tempo para esta parte. E máis que podería haber se os consumidores as demandasen. Duascentas marcas de viños e licores, vermús, sidra, conservas vexetais, aceite, chocolates, cervexas artesás, leite e derivados (queixos, iogures…), cafés, galletas, etc. exprésanse no noso idioma, aquí e nos mercados foráneos.

Cómpre crear unha nova cultura que estimule o consumo responsable e solidario coas marcas que etiquetan en lingua galega. A esta tarefa foron chamados os partidos políticos, centrais sindicais e movementos sociais e culturais, que asinaron a carta do Consumo Responsable. A eles sumáronse unha decena de alcaldes publicando senllos bandos cos mesmos fins aleccionadores.

Na axenda da Irgade están previstas nos próximos meses varias accións de grande transcendencia, salientando entre elas unha convocatoria aos alcaldes para asinaren o compromisos de desenvolver accións de galeguización en dous períodos de moito consumo, en verán e nadal; e un acordo co Pen Clube-Galicia para que no congreso internacional que se celebrará en Ourense o próximo outono, que congregará a douscentos cincuenta escritores de todo o mundo, respalden este movemento galeguizador da economía galega e alenten aos consumidores galegos a se identificaren coas marcas que incorporar os nosos valores patrimoniais, ao tempo que proxectar nos mercados internacionais a súa existencia.

Te puede interesar