Opinión

Deica mañá!

Despois de trinta e oito anos de servizo no Concello de Redondela, a semana pasada xubileime. Pero só da actividade profesional, non da vocacional, na que seguirei activo ata que o corpo aguante. Carme P. Vaquero, infatigable compañeira e dinamizadora lingüística, organizou un acto de despedida ao que acudiron duascentas persoas amigas de todos os sectores profesionais implicados no colectivo Galeguizar Galicia. Fun sorprendido coa publicación dun libro titulado “Xosé González Martínez. Mestre de vontade enerxética”, frase da autoría de Xosé L.Méndez Ferrín. O libro, que recolle sesenta e tres colaboracións e unha fotobiografía, foi coordinado por Carme P. Vaquero e Xurxo Martínez González, coa asistencia técnica de Alba Pernas e Pío Garcia.

O acto contou coa actuación musical de María do Ceo co acompañamento dos instrumentistas José Salgado e Judith Rey Iglesias, profesora titutal de frauta da Banda de Música de Santiago de Compostela.

No agradecemento á homenaxe tributada polos amigos e amigas tiven que explicar necesariamente o por que da miña constancia e entrega no traballo que todos me recoñecen, e que sempre foi colaborativo.

Debería ter eu oito, nove ou dez anos, como moito. Meu pai mercara daquela unha leira lindante con outra da nosa propiedade para construír nela o seu taller de carpintería e ebanistería. Para iso compría preparar o terreo guindado un muro grande de cachotería. Para facer o traballo, como era costume, recorreu a parentes e veciños sempre dispostos a botar unha man. Un domingo ben cedo apareceron todos con cadansúa ferramenta. Uns con gabiochos, outros con picoñas, pás, pauferros e martillóns. Eu tamén estaba ali no medio de tantos adultos disposto a carrexar cachotiños cunha carretilliña que o día anterior me fixera meu pai. Ben deitamos do Pepiño para acabar ben cedo o traballo, dicían. Aquel día sentíame feliz por ser un máis. Imaxinade o que significaban para un neno as louvanzas dos maiores.

A min o que me chamaba a atención era que o traballo non daba comezado, e non entendía por que. Ata que meu pai deu as razóns: é mellor que agardemos a que chegue Jesús. Jesús era meu tio, mestre canteiro que traballara ás ordes de don Manuel Gómez Román na construción da ermida do monte da Guía, no meu Teis natal. Aprendera o oficio dos “arxinas” co meu avó paterno, descendente directo de Diego Antonio Cernadas, o Cura de Fruime, xunto cos aprendices que eran tamén Enrique Líste e Xoán Xesús González. Ao pouco chegou Jesús, e despois de examinar o muro e apalpar os rebos e cachotes dixo: xa está, aquí temos o nervio do muro; apartádevos!. Pedíu un martillón, deu un marretazo e derrubouse de vez boa parte do muro. Xa estaba medio traballo feito! Meu tio non estudara en ningunha escola de arquitectura na que se estudan as estruturas das forzas gravitatorias e outros coñecementos técnicos; tiña unicamente coñecementos empíricos.

Aquel día comprendín que perante as dificultades hai que utilizar a intelixencia, e que o traballo en equipo debidamente coordinado é o mellor xeito de superar as dificultades. Velaí como un feito anecdótico pode condicionar unha vida. A combinación da intelixencia, unha boa dóse de intuición, a constancia e o traballo cooperativo habían ser os medios que apliquei sempre nas tarefas que acometín desde ben rapaz.

Os que me coñecen ben saben da miña obsesión por crear equipos de traballo debidamente compenetrados e coordenados para a consecución dos seus fins. O individualismo conduce as máis das veces ao fracaso. O antídoto para superar o pesimismo da razón é o optimismo da vontade. É necesario ser un soñador, porque para realizar calquera proxecto, primeiro hai que soñalo. A mesma filosofía que alentou a vida do meu admirado Pepe Velo que soñou primeiro e logo deseñou a gran proeza de secuestro do trasatlántico Santa María, para chamar a atención do mundo sobre as ditaduras franquista e salazarista. Eu fago miñas as súas reflexións poéticas para explicar de onde me veñen tamén a min os folgos.”Pois que me preguntades, xa sabedes/ de onde me veñen os folgos/para cantar a miña esperanza:/ Da visión do futuro/aínda que sempre se chega/endexamais se alcanza”.

Díxeno entón e repítoo agora: a miña xubilación non é máis que o remate do ciclo laboral e a continuidade da miña actividade vocacional. Por iso non é un adeus, é un deica mañá!, para vérmonos traballando no Foro E. Peinador, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros, Irmandade da Sanidade Galega, Irmandade Xurídica Galega, Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, Fundación Peña Novo, Asociación Álvaro das Casas, Asociación de Amigos do Couto Mixto e Asociación “Setestrelo” dos amigos do Castelo de Maceda. Entidades todas elas que conforman unha galaxia cultural de complementariedades para realizarmos a transversalidade da normalización lingüística nesa arela de galeguizarmos Galicia. Grazas a todos os que colaborades connosco.

Saúde e Terra!

Te puede interesar