Opinión

DÍA DA PATRIA GALEGA, QUÉN PAGA MANDA

Din que o soñar non ten cancelas e que ademais é de balde. Eu imaxino as rúas compostelás ateigadas de xentes para acudiren ás distintas convocatorias do Día da Patria Galega. Serían dez, quince, vinte ou trinta mil persoas, quizais. Non sei cantos pero si que se podería aventurar que será unha cifra alta. Do que tamén estou seguro é que bares e restaurantes farán bo peto ó atendelos. Para o Foro Peinador / Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (Irgade) é unha oportunidade para ensaiar unha xornada de consumo responsable e solidario coas marcas que etiquetan os seus produtos en lingua galega. Pero para íso cómpre que eses milleiros de persoas actúen coherentemente cos discursos de defensa da identidade galega que ratificarán co seu entusiástico aplauso.


Para espallar esta mensaxe elaboramos un promocional protagonizado polo cociñeiro do programa 'Larpeiros', Benigno Campos, no que se fai un chamamento ó consumo dos nosos produtos etiquetados en galego que xa está a circular polas redes sociais a través da canle.tv. www.galeguizargalicia.tv. O argumentario desta estratexia recóllese na 'Carta do Consumo Responsable e Solidario coas marcas que etiquetan en lingua galega' que foi asinada o pasado día 6 de xullo en Santo André (Ribadavia) por todos os partidos políticos no decurso do acto da II Asemblea da IRGADE no que ingresaron na Irmandade trinta e cinco empresas do sector agroalimentario que incorporaron o noso idioma a súa publicidade.


Os voceiros das formacións políticas alí representadas, ós que lles agradecemos unha vez máis a súa participación, comprometéronse a trasladarlles ós seus afiliados o chamamento a prol do consumo de produtos etiquetados no noso idioma.


Salientamos algúns parágrafos da Carta: 'Temos un deber responsable á hora de decidir por que produtos optamos, coa conciencia de que os produtos galegos contribúen ó noso desenvolvemento económico, permiten fixar poboación e garanten a pervivencia do noso País.


Temos un deber solidario con aquelas persoas emprendedoras que deron o paso arriscado de etiquetaren en galego as súas elaboracións ou utilizan o noso idioma nas súas campañas de promoción e comunicación, colaborando no mantemento dos nosos valores identitarios.


Por todo iso asinamos esta carta de consumo responsable e solidario, co compromiso de optar por aqueles produtos galegos, etiquetados e comercializados na lingua que herdamos dos nosos devanceiros e que queremos manter viva e transmitir ós nosos descendentes'.


O 25 de xullo é unha boa data para poñer en práctica este compromiso, que debe afectar á esfera individual e familiar dos galegos e galegas, que deberían modificar os hábitos de consumo apoiando nas súas preferenzas ás marcas que se identifican coa nosa cultura, nomeadamente a lingua.


O Día da Patria Galega debe ser unha oportunidade que debemos aproveitar todos para facer posible que as industrias agroalimentarias acaden maiores cotas de mercado fronte a produtos foráneos. Por iso, cando elixamos os produtos a consumir, temos a opción de escoller aqueles que están a manter unha economía sostible e que xeran riqueza, valor engadido e emprego de proximidade, ó tempo que axudan a manter viva unha cultura, unha lingua e unha forma de sermos.


O dito: cando acudamos ós bares e restaurantes composteláns, despois de celebrarmos o rito dos mítines, pidamos neses establecementos produtos etiquetados en galego. Será unha boa oportunidade para que outras marcas sigan o exemplo e utilicen a lingua na etiquetaxe. Eis o poder dos consumidores responsables: quen paga manda. Se queremos, podemos!

Te puede interesar