Opinión

Galeguizar o consumo nestas festas

Nos antecedentes do actual cooperativismo vinícola de Ourense está a Unión de Colleiteiros do Ribeiro do Avia (UCRA), animada polo intelectual Álvaro das Casas. Foi un proxecto societario brevísimo no tempo por mor da sublevación militar do ano 1936; sen embargo, as súas bases filosóficas eran ben sólidas: velar pola calidade dos viños e licores; crear unidades colectivas de produción; e procurarlles unha comercialización axeitada para estar en mercados foráneos. Pero sobre todo porque tentaba establecer unha relación de complicidade cos consumidores galegos nos que procuraba aliados imprescindibles para conseguir que o sector tivese un futuro mellor.

As mensaxes eran ben claras: “Pensade ao defender os produtos da nos aterra, que estades defendendo o pan dos nosos veciños, os intereses dos nosos amigos e a gloria e a fama do país.” Tendo en conta os mercados que se abrían nas cidades galegas, e unha nova cultura nos hábitos de consumo con preferencias por produtos alleos, a UCRA, denunciábaa así: “Só nas nosas pobres cidades galega unha ola de nefasta cursilería ten conquerido desterrar os nosos produtos para impoñer no seu canto outros estranxeiros, peores, máis caros, menos sans e de consumo menos elegante”.

O Partido Galeguista da preguerra tamén se sumaba a este chamamento: “Por onde vaiades convertídevos en propagandistas incansables dos nosos viños. Pensade ao defender os produtos da nos aterra, que estades defendendo o pan dos nosos veciños, os intereses dos nosos amigos e a gloria do noso país. Os que enriquecen e consumen produtos alleos, sabotean así a nosa economía e o noso traballo”.

Con estas mensaxes non pretendían os seus emisores negarlles ao galegos coñecer e deleitárense ocasionalmente cos sabores procedentes doutras terras, non. O que pretendían era alertar aos consumidores da forte presenza de ofertas procedentes doutras terras en detrimento dos nosos produtos. Tal como acontece hoxe, que se venden anualmente en Galicia dez millóns de botellas de viño procedentes da Rioja, coutando o mercado dos nosos.

Galicia perde soberanía alimentaria a cada pouco. O peche de explotacións agrarias así o manifestan. A isto únese a implantación de grandes cadeas de distribución de alimentos que se multiplican e non tributan en Galicia. A través delas comercialízanse produtos foráneos que lles fan unha desleal competencia aos nosos.Velaí a razón da inviabilidade das nosas eplotacións agrarias e industrias de trasnformación.

O repunte dos índices de consumo que se anuncian para a campaña de nadal beneficiarán,xa que logo, ás marcas comerciais que non son galegas.Calcúlase que o negocio destas festas en Galicia ascenderá a preto de 890 millóns de euros, e iso sen contar, como teñen dito voces autorizadas, que o factor emocional provoque que o consumidor gaste máis dos 684 euros, que é o gasto medio de cada fogar.A quen beneficia esta cifra multimillonaria do gasto familiar? Sen dúbida a esas empresas foráneas. Imaxínese por un momento, amigo lector ou lectora, que os consumidores aplicasen nas súas compras o principio da discriminación positiva e optasen por preferir aquelas ofertas elaboradas en Galicia. Os resultados serían evidentes: maior crecemento económico do noso tecido produtivo, creación de emprego e mellores expectativas para as empresas galegas.

Estamos, xa que logo, ante unha situación que é merecente dunha reflexión por parte dos partidos políticos, que estes días tratan de convencer aos electores das bondades dos seus programas para Galicia; dos sindicatos que aglutinan a un número considerable de traballadores, e que denuncian con frecuencia a destrución do emprego; e polo movemento asociativo e vecinal que reivindica os sinais de identidade de Galicia. Todos comsumidores, ao cabo. Optar pola compra de produtos foráneos, se cadra algo máis baratos, é tirar pedras contra o noso propio tellado. Fartura para hoxe e fame para mañá. Esta conduta deslixitima, cando as facemos, as nosas reivindicacións de mellor calidade de vida.

A Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros, recollendo o fío do discurso dos galeguistas do século pasado e actualizándoo á realidade de hoxendía, vén realizando propostas para fomentar unha nova cultura do consumo máis solidaria coas marcas que se etiquetan en lingua galega. Deste xeito conseguiremos, a un tempo, dous obxectivos: potenciar a nosa economía e galeguizala.

Vivimos tempos de mudanzas, que se deben facer notar tamén nos hábitos de consumo. Os partidos políticos que agora andan en campaña electoral deberían incorporar o discurso aquí exposto para que alomenos os seus afiliados e simpatizantes se convertense en entusiastas defensores do mesmo.

Te puede interesar