Opinión

No centenario das Irmandades da Fala

En 1916 fúndanse as Irmandades da Fala.Un movemento que revitalizou o movemento cultural galego do primeiro terzo do século XX. Entre os seus impulsores están Vicente Risco, Arturo Noguerol, Manuel Peña Rey... O núcleo ourensán foi decisivo para artellar unha organización que dinamizou as liñas de actuación do galeguismo.

O Parlamento de Galicia aprobou unha iniciativa non lei instando á Xunta de Galicia a elaboración dun programa de actos para conmemorar o centenario da fundación das Irmandades, que tiveron o mérito de elaborar propostas orixinais e novidosas (declarar a soberanía estética de Galicia,por exemplo) para normalizar a lingua galega nos usos administrativos, xurídicos, actividades socioeconómicos; na músical, espazos de lecer, e nas distintas disciplinas cientìficias. A composición interdisciplinar dos seus membros fixo posible que as alternativas do seu discurso abranxese a transversalidade da actividade social. Eran conscientes de que esta tarefa precisaba dunha pedagoxía cultural para facer fronte aos tópicos que tollían a autoestima do pobo.

En palabras daqueles próceres, ningún tópico fora tan sobado como o amor a Galicia. Escoitámolo a cotío aínda hoxe nos máis diversos tons declarativos, xa sexa para mitigar sentidas protestasa de galeguismo, ou para encubrir a turba apariencia de accións inxustificables.

Vicente Risco cuestionaba os comportamentos dos sectores sociais que deostaban a cultura galega co argumento recorrente de que amaban a Galicia “como el que más”. Velaí , dicía, “o tópico, o clixé, a frase estereotipada con que todos os malos galegos queren desimular a falta de conciencia patriótica”. Peña Novo, unha das mentes máis lúcidas do galeguismo das Irmandades da Fala, fixera o diagnóstico de tales comportamento: “son os que teñen medo a manifestárense integramente galegos; galegos na lingua, galegos na arte, galegos na política; galegos en todas as afirmación da nosa vida individual e colectiva. Medo a ser, nunha palabra, demasiado galegos”.

Moitas décadas despois, os complexos lingüísticos e culturais están aínda ben chantados nunha parte da sociedade. Para removelos é preciso unha reformulación dos métodos empregados, que nas últimas décadas non foron válidos. Porque nunca tivo a lingua galega tantos medios e recursos humanos para dignificala e normalizala como durante as últimas décadas, e, sen embargo, os resultados acadados foron máis ben magros. As organizacións sociais, sindicais e políticas careceron de realismo e foron dadas a practicaren o victimismo e ocos rituais como medios para acadaren o obxectivo da galeguización. De aí o fracaso.

A falta de coherencia é outros dos nosos andazos. Imaxinan vostedes a un gandeiro participando nas concentracións en defensa do sector lácteo á hora do xantar bebendo viño de Rioja? Pois si, eu presenciei esa contradición e insolidiariedade cos adegueiros de calqueira das denominacións de oríxe da provincia ourensán. Ou a un grupo de escritores en lingua galega que despois de participar nunha mesa redonda denunciando o abondono do sector do libro acuden a mollar a palabra con viños etiquetados en castelán? Pois si, iso tamén o presencie máis dunha vez. E que dicir dos que podendo ter unha escritura de propiedade horizontal, ou outorgar testamento en galego, desaproveitan á oportunidade e consinten que llelos fagan en castelán? Más grave aínda é perpeturar a memoria dos defuntos nun idioma distinto do que falaron en vida. Velaí están os camposantos para ilustrarnos da pouca querencia polo herdo lingüísticos recibido dos nosos devanceiros.

As Irmandades da Fala insistiron moito na importancia das conductas individuais, na fortaleza das conviccións para poder remover os atrancos que coutan o desenvolvemento da nosa personalidae como pobo. A experiencia histórica que nos legaron foi de tal magnitude que debe ser valorada para mellorarmos hoxe as maneiras de facermos galeguismo.

Te puede interesar