Opinión

Novos xuíces honorarios do Couto mixto

A semana pasada coincidiron  no mesmo día e hora dúas celebracións arredor do coñecemento da memoria do Couto Mixto. Nun, a antropóloga Paula Godinho participou no “Congreso Internacional da Fronteira  Hispano-Portuguesa: pessoas, povos e palavras” cun relatorio titulado “Memoria do Couto Misto: fronteira, liminaridade e condiçao cosmopolita”; noutro, Mario García, deputado do PSC, de oríxes arraianas, concretamente de Randín, onde ten “casa aberta con fume”, pedía o recoñecemento oficial do Parlament de Catalunya para o Couto Mixto.

O interese institucional espertado por un territorio fronteirizo que tivo unha estrutura xurídica e política semellante ao dunha república na que os seus moradores exercían o dereito do sufraxio universal para a elección dos seus representantes nun contexto xeopolítico dominado por monarquías absolutistas, xa fora con anterioridade obxecto de atención polos parlamentos, Europeo e de Galicia, Congreso de Deputados e Senado.

A historia daquela república arraiana que aniñaba no imaxinario popular dos seus habitantes foi descrita por primeira vez  por Delfín Modesto  Brandrón, o derradeiro xuíz-presidente daquela orixinal institución, titulada  “Historieta sobre el Couto Mixto” (1907).  Posteriormente, analizouna e divulgouna  Joâo Gonçalves da Costa na súa obra “Montalegre e Terra do Barroso”.  Sen embargo, as investigacións  de maior rigor histórico contextualizadas no período que vai desde a baixa idade media deica 1868, son da autoría de Luís M. García Mañá que publicou co título “Couto Mixto, unha república esquecida”.

A raíz desta monografía histórica constituíuse a Asociación de Amigos do Couto Mixto que dinamizou a inspìración de moitos escritores e a publicación dunha obra diversa -histórica, antropolóxica, etnográfica e literaria- da que son autores, entre outros, Xosé L.Méndez Ferrín, Antón Riveiro Coello, Bento da Cruz, Antonio Lourenzo Fontes, Xosé Rodríguez Cruz, Paula Godinho, Suso Díaz, Máximo Salinas Valencia, Álvaro López Mira e o mencionado Luís M. García Mañá. A esta nómina sumáronse tempo despois a cantante Carme Penim con textos seus musicados, referidos a aquel espazo fronteirizo, e a fadista María do Ceo, autora da música do Himno do Couto Mixto con letra de Armando González López. 

Foi a Asociación de Amigos do Couto Mixto, como digo, a divulgadora do patrimonio cultural daquelas terras formadas polas freguesias de Santiago, Meaus e Santiago de Rubiás, percorridas polo Camiño Privilexiado  que as une coa portuguesa de Tourém. En colaboración coas universidades de Vigo e Alto Minho celebráronse dous cursos monográficos hai ben anos; recuperáronse ademais as pinturas da sancristía da igrexia de Santiago agochadas baixo unha grosa capa de cal desde tempos inmemoriais. Presidindo o adro da igrexa colocamos un monumento elaborado en bronce do escultor José Molares, representando ao derradeiro xuíz e presidente do goberno do Couto Mixto, o aludido Delfín Modesto Brandón.

Para mantermos encesas as reivindicacións económicas e sociais que se solicitan para aquel territorio arraiano, a Asociación de Amigos do Couto Mixto celebra anualmente un acto  de rememoranza co nomeamento de “Xuíces Honorarios”, destinado a honrar a aquelas persoas ou entidades valedoras, que teñan demostrado  interese por un proxecto de futuro con iniciativas innovadoras para a reactivación do espazo transfronteirizo.

O próximo día 2 de xullo recibirán a vara de mando e as réplicas das tres chaves do histórico arcón no que se custodia o arquivo documental rescatado, dona Consuelo Castro Rei, Avogada Xeral do Estado; don Armando González López, autor da letra do Himno do Couto Mixto, e a cineasta  dona Diana Gonçalves, directora dun documental sobre a fronteira. Ao tempo, darase a coñecer a creación da Academia de Ciencias Sociais do Couto Mixto, que aglutine a personalidades que formulen proxectos innovadores para todos os ámbitos.

Te puede interesar