Opinión

Pepe Velo terá un monumento en Celanova

En 1969, Celso Emilio Ferreiro xa rompera as relacións coa directiva da Hermandad Gallega de Caracas por profundas desavinzas políticas.  Nunha carta datada o 15 de xullo dese mesmo ano explícalle a Xosé Velo, que xa por entón vivía no exilio en Sâo Paulo, os seus proxectos literarios, pero algo máis: “politicamente traballo cun grupo pequeño de amigos a prol da UPG, unha organización de xente moza, de carácter socialista, que hoxe é a única que fai algo na nosa Terra. Noutra ocasión mandareiche o seu programa, que imprentamos eiquí e estamos introducindo no interior”. 

O 16 de outubro de 1971 volvería escribir outra que remata cun párrafo no que intúe que “como me pasa a min, teredes añoiros de paz e do silencio de Celanova.As pedras, asárbores, os currunchos, os ecos do pasado están elí aínda, e eso abonda”.

Xaneiro é un mes moi importante na súa biografía. O día 22 dese mes de 1961 o Directorio Ibérico de Liberación asalta o trasatlántico “Santa María” da Companhia Colonial de Navegaçao portuguesa,rebautizado polo comando que dirixíu o secuestro co nome de Santa Libertad. Unha operación planificada e dirixida por Pepe Velo, que foi a máxima autoridade como Co-director Xeral co seudónimo de Carlos Junqueira de Ambía e  a axudantía de Henrique Galvao e Jorge de Soutomaor (o galego José Fernández), segundo reza nunha Orde do Día emitida a bordo pola  Comandacia Xeral o 30 de xaneiro. Noutro xaneiro de 1972, o día 30,  falece  sendo enterrado coa bandeira galega  no cemiterio de Morumbi, unha pequena localidade de Sâo Paulo.

A súa militancia nacionalista comezou sendo un mociño. Ao pouco tempo,con dezanove anos é elixido secretario xeral da Federación das Mocidades Galeguistas. Isto acontece en 1935, un ano antes da sublevación militar que había marcar decisivamente a súa vida posterior. Despois de moitas peripecias instalase en Vigo en 1940  e abre unha academia na rúa Carral  desde onde desenvolve unha intensa actividade política na coordinación da guerrilla na provincia de Pontevedra. En 1944 é detido, torturado e encarcerado, primeiro en Vigo, e despois na Coruña. Aproveitando a liberdade condicional foxe e agóchase  durante un ano e medio en Celanova na aldea de Moreira, ao tempo que o Comandante Xuíz Instrutor,Santiago Vega, dita o 21 de agosto de agosto de 1948 unha requisitora de busca e captura del e de Mariano Otero Castelao, curmán do autor do Sempre en Galiza.

Chega a Venezuela en outubro, despois de que o presidente Rómulo Gallegos, amigo seu, ordenara ao consulado en Lisboa lle entregase un “pasaporte de emerxencia” para evitar que a policía política que o detivera o entregase ás autoridades franquistas. Fixa a súa residenca en Caracas onde dirixe o Colexio Orto que gozaba de gran predicamento entre os republicanos e xente progresista de Venezuela. Tamén aquí, como na academia de Vigo, Pepe Velo desenvolve unha actividade política intensa. Dirixe unha sociedade galega; escribe a maior parte da súa obra poética, aínda inédita (máis de 200 poemas);  participa no 1º Congreso da Emigración Galega de 1956 celebrado en Buenos Aires; funda o Directorio Ibérico de Liberación; planifica e executa o secuestro do “Santa María”. Rematada esta xesta revolucionaria acóllese ao asilo que lles ofrece o presidente Jânio Quados e queda en Sâo Paulo, onde funda a “Librería e Editorial Nós  Publicacións Galicia Ceibe”.

A Fundación Lois Peña Novo,coa colaboración do Concello de Celanova, Deputación de Ourense, Fundación Curros Enríquez e Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocan un acto para o vindeiro 1 de febreiro no Parque das Trigueirizas da Vila de Celanova no que se descubrirá un monumento de Pepe Velo do escultor José Molares.

Esta será a terceira homenaxe a quen aínda segue a ser un gran descoñecido para as novas fornadas de mozos e mozas de emocións galeguistas/nacionalistas. Primeiro foi a colocación dunha placa na fachada da casa onde vivira no barrio das Travesas en Vigo, e recentemente na Vila de Melgaço coas colaboracións da Deputación de Pontevedra e Cámara Municipal e Asociación de Amigos do Couto Mixto.

A vida itensa de Pepe Velo chamoulles sempre a atención aos que o coñecían. El respondéulles  poeticamente asi: “Pois que preguntas,xa sabes/ de onde me vén o folgo/para cantar miña esperanza: Da visión do futuro/anque sempre se chega,/endexamais se alcanza”. Se non apodreceu a  semente, non morreu a esperanza, engadeu.

O espazo urbano de Celanova coa incorporación do monumento de Pepe Velo completa a nómina de personaxes egrexios da súa historia que xa teñen senllos monumentos: Curros e Celso Emilio.

Te puede interesar