Opinión

Policías

Opinión

Policías

ODecreto ordenando o confinamento da poboación por mor do andazo vírico  outorgoulle ás forzas e corpos de seguridade un papel decisivo para o cumprimento das normas establecidas. A súa presenza nas estradas e rúas cos operativos de controis rutinarios dan pé a unha comunicación cos condutores de vehículos e transeuntes. Xente toda ela galegofalante, maioritariamente, coma os propios policías. Sen embargo, as comunicacións verbais por parte dos axentes fanse normalmente en castelán, unha lingua que subordina o galego nesas relacións.

Que isto sexa así ten a súa oríxe na formación recibida polas policías nas academias onde se lles inculcou identifícar o concepto de autoridade coa supremacía  do uso lingüístico do idioma castelán, conculcando o principio legal da cooficialidade lingüística.

As excepcionais e graves circunstancias que estamos a vivir deberan deixar agromar a naturalidade e proximidade nas comunicacións policias/cidadáns. Pero para iso sería moi oportuno e pedagóxico que o mandos  animasen aos seus axentes a reconsideraren actitudes ilóxicas. As proximidades para que sexan reais e efectivas débense practicar na lingua común que identifica a uns cos outros.

Hai ben anos que a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística artellou este discurso; e contando coa colaboración  da Secretaría X. de Política Lingüística trasladoullelo ás xerarquías deses corpos policiais onde atopamos entusiástica receptividade, e mesmo boas disposicións para favoreceren ese cambio de mentalidade nos uniformados.

Anos atrás a galeguización dos concellos tamén fora decisiva na implantación deses criterios lingüísticos. A “Declaración dos Alcaldes a prol da normalización Lingüística” do ano 1984 motivou un cambio de actitudes moi positivo. Máis tarde, establecimos contactos coa Garda Civil, Corpo Nacional de Policía e Policía Autonómica. Cómpre salientar, porque  é xusto recoñecelo, as sensibilidades do Xefe Superior de Policía de Galicia, Luís M.García Mañá  e dos xenerais da Garda Civil, Gonzalo Jar Couselo e Manuel Ferreiro Losada, ambos os dous xa falecidos; funcionarios que deixaron pegadas na historia.  Todos os tres  axudaron a que nas respectivas institucións policiais  formalizasemos acordos beneficiosos para a dignificación do noso idioma e recoñecemento dos dereitos lingüísticos dos cidadáns en cuarteis e comisarías.

Aqueles anos dedicados á galeguización policial foron exitosos na consecución dos obxectivos. O cume daquel proceso, desenvolvido por etapas, celebrouse hai vinte anos  cun acontecemento  sen precedentes na historia de Galicia: douscentos  cincuenta uniformados da Garda Civil, Corpo Nacional de Policía, Policía Autonómica, alumnos da Academia Galega de Seguridade Pública e xefes das policias locais das grandes cidades e vilas galegas acudiron á Capela Real do Hostal dos Reis Católicos para refrendaren  en acto solemne o achegamento á lingua galega.  Presidíron o acto o presidente do Goberno galego, a presidenta do Parlamento, o Director Xeral de Seguridade do Estado e outros altos cargos das institucións públicas.

Aquel día distribuíuse un libro de 758 páxinas de requintada  edición,  titulado “En galego, con toda seguridade” con manifestacións favorables á normalización da nosa lingua dun  cento de mandos policíais. O comisario xefe de Policía de Ourense e pianista, Ángel Barrera,  acompañado polo barítono e policía da escala básica do CNP,  señor Albán,  interpretaron varias pezas musicais: entre elas “Negra Sombra”  e o “Va, pensiero” , da ópera Nabuco, de Verdi.

Ao tempo, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingúística, dinamizadora deste proxecto galeguizador, promoveu a sinatura do  “Acordo pola normalización da lingua galega no ámbito do CNP”  cos representantes sindicais do SUP (Sindicato Unificado de Policia), CEP (Confederación Española de Policía), SPP (Sindicato Profesional de Policía), UPF (Unión Federal de Policía e o Sindicato de Comisarios.

Outras publicacións que foron de grande utilidade foron os “Contos da Policía” e “Contos de agardar”, abondosamente espallados nas comisarías e cuarteis da Garda Civil.

É de salientar o papel que tivera a Brigada de Policía Científica da Comisaría do CNP de Vigo, co inspector-xefe José Luís Gallego ao fronte, que realizaban todos os informes periciais en lingua galega destinados aos xulgados, que se contabilizaron por milleiros.

Cómpre que  aquela experiencia teña continuidade vinte anos despois.  Intentarémolo outra vez.