Opinión

50 anos do "Eres tú"

Que vertixe! Van pasar 50 anos daquel marabilloso momento no que estivemos a piques de gañar Eurovisión cunha das cancións máis potentes que España mandou ao Festival. E como estas cousas hai que celebralas, pois aí están os actuais compoñentes de “Mocedades” de xira para facerlle honras a unha canción que conseguíu no ano 73 namorar, non soamente aos europeos, senón a medio mundo, traspasando o charco para triunfar en toda Latinoamérica e mesmo nos EEUU, onde se venderon un millón de copias da canción, conseguindo aparecer no posto número 9 da lista “Billboard Hot 100” cun tema cantado en español, feito insólito ata ese momento.

A composición do mestre Juan Carlos Calderón conseguíu que o “Eres Tú” fora gravado en 16 idiomas, chegando a países tan lonxanos como Corea do Sur ou Nova Zelanda. Un tema que cada vez que se organiza algún gran evento relacionado co Eurofestival é presentado como unha das mellores cancións da súa historia, como ocorreu no 2004 nos Países Baixos, onde para celebrar os 50 anos do Festival fixeron unha votación telefónica e arrasou o “Eres Tu”, un País que curiosamente xa lle dera a máxima puntuación cando Mocedades o defendeu no escenario de Luxemburgo 73, onde Anne-Marie David levou o primeiro premio co seu “Tu te reconnaîtras”. Nesa edición repetía participación representando ao Reino Unido o gran Cliff Richard, que tivera que conformarse co segundo posto naquel glorioso 68 no que Massiel triunfou co “La La La”; nesta ocasión o popular cantante británico acadou a terceira posición.

Cando falamos do “Eres Tú” e de “Mocedades” a moitísima xente o que lle ven á mente son aqueles compoñentes que acudiron a Eurovisión, entre os que non estaban Sergio e Estíbaliz, que emprenderan carreira como duo un ano antes, e que acudiron ao Festival no ano 75 co tema “Tu Volverás”. Houbo moitísimos cambios entre os compoñentes de “Mocedades” ao longo destes 50 anos, nos que varias formacións mesmo compartiron os dereitos de utilización do nome; pero con permiso de todos eles, somos moitos os que sempre lembraremos á gran Amaya Uranga que xa nos tiña namorados con aquela versión tan especial do “Pange Lingua” que gravaran no ano 69. De feito, cando actúa “El Consorcio”, moita xente segue chamándolle “Mocedades”, onde ademáis de Amaya está Estíbaliz e estivo o seu marido Sergio.

Eu vivín un dos momentos máis bonitos da miña vida televisiva cantando en directo ao lado de Amaya, que tanto me emocionou naquel festival que tiñamos que ter gañado cun deses temas que nunca perecerán, unha canción que aparece de cando en vez na banda sonora de películas como a moi divertida “Que se mueran los feos”, cun elenco marabilloso comandado por Javier Cámara e Carmen Machi, ou a nosa querida María Pujalte, á quen tanto recordo daqueles anos que viña de “Mentireira” ao “Supermartes”, insitíndome en que tiñamos que presentar algo xuntos. Ela foi unha das primeiras presentadoras gastronómicas da TVG no recordado “Arroz con Chícharos”, anos antes de colleitar tantos éxitos en cine, teatro e televisión.

E escribo todo isto co fondo musical dese “Eres Tú” que tanto coreamos ao longo dos 50 anos, intentando imitar, mortos de risa, a subida de ton marabilloso da gran Amaya Uranga, ao igual que facemos coa tamén eurovisiva, e tamén segunda clasificada, Anabel Conde, que actuou o pasado sábado no “Plaff” vigués” para goce dos incondicionais eurovisivos que ateigaron o local.

Te puede interesar