Opinión

Á calor do fogar

Decoración navideña de Allariz (JOSÉ PAZ).
photo_camera Decoración navideña de Allariz (JOSÉ PAZ).

Seguramente unha das cousas que cambiaron nas nosas vidas neste último ano foi a de facernos menos rueiros do que eramos habitualmente. Porque o certo é que non hai cousa que máis nos guste que botarnos á rúa para tomar unhas cañas, conversar e ver pasar a vida. Hai terrazas que poderían triplicar o prezo das bebidas e seguirían estando abarrotadas de clientela, incluso se adoptan ese costume tan alemán de que o camareiro che pregunte cada dez minutos se queres outra consumición, nun tono que máis que unha pregunta semella unha orde en toda regra, porque de feito o que realmente estás pagando non é a cervexa senón o tempo que ocupas a mesa con vistas ao mundo.

Pero os tempos son os que son e, para traxedia da hostalaría, deberemos seguir en boa medida tomando a cervexa e a tapa na casiña, e nen sequera como na primeira fase da pandemia, cando os xeranios comezaban a florecer e os afortunados que gozamos dun par de metros de terraza podiamos autoenganarnos cunha falsa liberdade baixo o toldo que nos protexía dos saudables pero sempre perigosos primeiros raios de sol daquel marzo de primavera adiantada.

Agora tocounos este outono-inverno de tren de borrascas, no que nin os vendedores senegaleses de rúa son quen de facer un peso por non ter a quen venderlle un maldito paraugas, por non falar das tendas de roupa e calzado que, salvo neste pequeno “impasse” do Nadal, non dan botado fora a súa mercancía por non haber días nin lugares nos que estrear nada, salvo máscaras customizadas ou un bo pixama de franela a xogo coas pantuflas. Eu por non mercar ata nin merquei a figuriña coa que cada ano vou aumentado o meu Belén; bastante fixen con botarlle ganas e desempoar as caixas do trasteiro para sentir un pouco de espírito navideño e competir con Abel na montaxe da árbore e das luces.

E falando de decoracións navideñas, quédame por ir ver a de Allariz que tanto gusta a veciños e visitantes, incluído o Belén da miña nenez que teño por seguro estará montado na igrexa de Santiago, e que os que estamos “perimetrados” en Vigo e outras localidades aproveitaremos para visitar a mesma Noiteboa cando poidamos ir cear con parte da familia, xa que co resto haberá que brindar e bicarse virtualmente a través da tablet. E ten que ser así por moito que nos doa se non queremos ter un mes de xaneiro de auténtico infarto, e nunca mellor dito. 

E mentras chegan eses días tan especiais, pois iso, na casiña sempre que se poida, e eu por poder ata poderei estas semanas, nas que o “Bamboleo” vai estar presentado pola actriz e amiga María Mera, que o fará estupendamente mentres eu tomo tres sábados de vacacións para volver poñerme á fronte do programa no mes de xaneiro. Aproveitarei estes días de lecer para tirarme “á bartola” á calor do fogar e, entre outras cousas, ver a serie “El desorden que dejas”, dirixida polo celanovés Carlos Montero, á que lle auguro tanto éxito como o obtido en todos os anteriores traballos realizados; acabo de empezala e estou totalmente enganchado.

E ademáis de ler, escribir, facer radio e pasear por lugares pouco concorridos, tampouco me importará perder o tempo vendo no móbil as xenialidades en forma de “memes” de tanta xente divertida, que é capaz de poñernos un sorriso nos beizos sacándolle punta a toda esta “negra sombra” que temos enriba. Feliz Nadal.

Te puede interesar