Opinión

A carreira polas luces

Isto de vivir en Vigo ten as súas cousas, unha delas é que che entra o espírito de Nadal por decreto lei moito antes que ao resto dos humanos. Na miña rúa xa hai un mes que están as luces montadas e hai unha semana que está cortado parcialmente o tráfico pola instalación no medio e medio dun enorme moneco de neve, que digo eu que ben podería estar instalado alí ao lado, na fonte “paelleira” do Areal que leva sen auga non sei canto tempo; imaxino que porque cando funcionaba e había un chisco de vento os coches saían duchados mentres a contorneaban. Xa ven, todo ten o seu lado positivo, e non serei eu quen ouse poñer en tela de xuizo os deseños ornamentais que alguén ideou no seu día. Pero o certo é que con isto da auga non se atinou demasiado na cidade olívica, porque a fermosa estatua do gran Oliveira que nos recibe aos ourensáns cando chegamos á Praza de España viguesa tampouco tivo moita sorte á hora de manter a idea orixinal de que os cinco cabalos subisen ao ceo por unha fervenza.

Pero deixemos a auga de momento que nesta semana imos sobrados dela e volvamos ao espírito navideño. Non sei se ao alcalde Caballero se lle atragantarían anticipadamente as uvas ao saber que este ano, se alguén non o remedia, será Madrid quen se adiante nesta carreira do acendido das luces, aínda que ao mellor o rexedor vigués garda un ás na manga para dar un golpe de man e cambiar a data ou mesmo facer que o reloxo da Porta do Sol viguesa que marca os días, horas, minutos e segundos que faltan para tan grande momento, se truque ganándolle a batalla a ese novo alcalde capitalino que non sabe como as gastan por Vigo. Se o ano pasado Abel foi quen de deter as augas cal Moisés, para que o público congregado gozase do espectáculo sen empaparse, o de provocar un apagón casual de Guadarrama para abaixo elle cousa “pacata minuta” que diría José María Caneda. Para algo preside a FEMP, ¡ou que!

Eu por se acaso xa teño subidas do trasteiro as caixas coas figuras do Belén e coas bolas da árbore para que non me pille a data por sorpresa, porque prométome que un día antes de que o alcalde cante en inglés ou turcochipriota o que para a ocasión teña preparado xusto antes de premer o botón vermello, eu xa terei soando a todo volumen o “Tamborilero”, co Belén cheo de palestinos cabreados que substitúen aos típicos “caganets” cataláns, que este ano pretendían ser uns “CDRs” infiltrados. 

O certo é que este Nadal téñolle especial ganas ao asunto e quero montar todo con tempo, porque o pasado coincidíume prácticamente o encendido das luces co ingreso no hospital para poñerlle remedio ao mieloma, saíndo do Cunqueiro case co tempo xusto para enfundarme o chapeau de “pelón” e ir comer o turrón á casa familiar de Allariz. 

Con isto dos adiantamentos de eventos os que sí perderon a batalla foron os famosos grandes almacéns con aqueles eslogáns de “Ya es Primavera en el Corte Inglés”. Fagan unha aposta e verán como se Madrid gana a guerra do acendido das luces, o próximo ano o alcalde Abel alumea desde A Guía ata Samil en pleno mes de agosto. Pero todo isto de Vigo e Madrid quedará en nada cando Jácome inaugure en Ourense as luces dos 80 pisos do rañaceos máis alto de España. ¡Que empece a tremer a Tour Eiffel, Gabachos fachendosos!

Te puede interesar