Opinión

A empatía de Civera

Piñeiro acompañado de David Civera no plató.
photo_camera Piñeiro acompañado de David Civera no plató.

Recibir a este turolense universal no plató de “Bamboleo” é como recibir a alguén da casa, ou a ese querido primo lonxano que de cando en vez vén a verte, ás veces facendo un importante esforzo xa que a viaxe pode levarlle todo un día, combinando avións, trens e coches coas súas correspondentes escalas. De todos é sabido que “Teruel Tamén Existe”, en parte gracias a este noso artista, pero leva o seu tempiño chegar dende alí, mentres agardan coma nós pola chegada do AVE.

Pero o dito, nós chamamos a David para que viñera presentarnos as cancións do seu novo EP e non o dubidou, como tampouco dubidara entrar xenerosamente a través de videochamada dende a súa casa, naquel programa especial que fixeramos nos inicios da pandemia cando xa non podiamos ter público no plató tendo que facer un parón dun par de meses nas nosas gravacións.

Hoxe volve ao programa para traernos “Empatía”, un disco que nace despois de moitos momentos de atoparse consigo mesmo coa tranquilidade que dá o sentirse rodeado das persoas que máis quere, a súa familia, e dun entorno ao que el non renunciou nin cando saboreaba os maiores éxitos da súa carreira, sabendo como sabemos que aínda lle quedan moitos meles por libar. Como el dí, non renuncia a ese pasado cheo de éxitos que o levaron a viaxar por centos de escenarios e lugares, e non pode nin debe renunciar a todos eses discos de ouro e platino conseguidos con esforzo e tesón, nin á infinidade de premios e recoñecementos, e para os máis eurovisivos coma min, a ese 6º posto conseguido en Copenhague no ano 2001 diante de 38.000 millóns de espectadores en directo a través de Eurovisión, que segue sendo a mellor posición conseguida por España no Festival desde 1997 ata hoxe. Aquel inesquecible “Dile que la quiero” converteuse nunha desas cancións que todo o mundo coreou, anticipo de ducias de cancións que fixeron mover o esqueleto de milleiros de incondicionais que aprendían rápidamente as coreografías do turolense podendo suplir sen problema ao seu corpo de baile ao ritmo de “Que la detengan”.

Civera agarda como todo o mundo a que esto escampe para poder volver aos escenarios e ofrecer o que de xeito máis reflexivo foi creando nestes tempos de incerteza. Exercendo de “padrazo”, que é unha das cousas que máis lle gustan na vida, quixo dicirnos co seu último disco: “Aquí estou eu en estado puro”, reencontrándose consigo mesmo e mostrando a súa máis pura esencia sen renegar do seu pasado.

A máis dun pode sorprenderlle esta volta de Civera ás súas orixes, onde tamén quixo cantarlle ao seu pai, pero os que o coñecemos bastante sabemos da súa sensibilidade e de como pode pasar do “Bay Bye” a unha fermosa e intimista balada interpretada ao piano con mestría.

Tamén gusta David de participar en causas nobres e comprometidas que trata de inculcar aos seus nenos Daniel e Laura, como reflicte a canción e o video do seu novo sinxelo “Mundo Diverso”, na que fala de orixes, diversidade, repecto á raza, comuñón de bandeiras ou valores da Terra, reivindicando a capacidade do ser humano por superarse e medrar. Todo un canto optimista en tempos de desazón aos que Civera non lles dá opción. Toda unha lección de “Empatía” que o noso artista nos dará hoxe a noite no “Bamboleo”. Deixémonos contaxiar por este “virus”, que éste sí que paga a pena que nos invada.

Te puede interesar