Opinión

Desde Acapulco

Éun deses míticos lugares para os que temos seguido ao longo dos anos os diferentes festivais da canción. Moitas das veces que México organizaba o Festival OTI facíao desde Acapulco, este paraíso no que me atopo ás beiras do Pacífico, de cuxas augas quentiñas non hai quen me saque. Ata aquí tróuxome a hospitalidade dos meus anfitrións en México, para que volva a Galicia coas pilas ben cargadas. Despois dunha parada para xantar en "Las Mañanitas" de Cuernavaca, onde presumen de "eterna primavera" e cuxo nome quedoume gravado por ser o destino que me ofrecía a familia Vázquez Raña de Avión cando eu soamente tiña 18 anos e cantaba na voda dunha das súas fillas; chego a Acapulco, destino turístico por excelencia, onde sol e praia convidan ao "dolce far niente", con visita obrigada a La Quebrada para ver o espectáculo dos "clavadistas", eses intrépidos rapaces que se tiran ó mar de xeito vertixinoso desde 50 metros de altura do acantilado para deleite dos centos de turistas que nos congregamos nos miradores da zona. Pero antes de chegar a Acapulco quedáronme gravadas as pintadas das casetas de peaxe de Igualada, o municipio de onde desapareceron os 43 estudantes presuntamente asasinados, e dos que en todas as prazas de México hai algún recordatorio en forma de monumento improvisado cos nomes de todos eles. Son esas cousas que che recordan que por moito que algúns teñamos o privilexio de disfrutar de vacacións a corpo de rei, hai un mundo real cheo de inxustizas, crimes e esquecemento. E non ven nada mal telo sempre moi presente.

E non por lavar a conciencia, senón porque mo pedía o corpo, antes de viaxar cara Acapulco quixen protagonizar unha velada de animación no Asilo do Hospital Español de México D.F., que preside o ourensán Daniel Suárez Rodríguez, de A Peroxa, con quen volvo ter cita este mesmo sábado, acompañado do empresario Luis Portabales, para visitar as instalacións deste importante centro. Cos máis velliños tiven un encontro á base de cancións que moitos deles recordaban, e con especial emoción cantei a dúo cunha marabillosa señora de 95 anos as cancións de Andrés do Barro, cantante que ela seguía na etapa que o ferrolán vivira en terras mexicanas. Fun abrazando un por un a todos os residentes, coidados e mimados estupendamente por un persoal abnegado; foi sen dúbida algunha o acto máis emotivo de todos os vividos aquí; tanto é así que como moitos residentes eran doutras comunidades españolas e mesmo mexicanos, improvisei para cada un cancións da súa terra, como o "Asturias patria querida" ou a "Malagueña salerosa". Nunca un público foi tan agradecido, e poucas veces eu teño sentido a emoción alí vivida. Non puiden por menos que rematar a tarde cantando a canción que o meu querido pai lembraba e cantaba ata os seus últimos días, "Cielito Lindo". Eu estaba vendo en todos eses marabillosos velliños a sorrinte cara de meu pai.

Te puede interesar